Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto delegacion Fitur

O RIBADEO INDIANO CENTROU A ÚLTIMA XORNADA DE TRABALLO

Balance positivo de Fitur

20/01/2023

Concello e Acisa fan un balance moi positivo do  traballo realizado ao longo destes días en Fitur 2023.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que "ao longo da xornada de onte, xoves, e tamén esta mañá de venres, ademais de participar nos actos organizados pola Deputación de Lugo e tamén na promoción do xeodestino da Mariña, seguimos traballando, establecendo contactos con diferentes operadores turísticos co obxectivo de que inclúan a Ribadeo nos seus circuítos e paquetes turísticos que ofrecen á súa clientela, principalmente a grupos organizados. Para iso puxémoslles en valor e explicámoslles os principais atributos que mellor definen a Ribadeo, como poden ser o noso litoral, as rutas creadas para coñecer as zonas do interior do noso concello, o noso casco histórico en continua rehabilitación, o noso comercio, a nosa hostalería, … Son toda unha serie de valores moi atractivos para quen nos visita. Tamén mantivemos unha reunión moi interesante, que vai dar moitos froitos, coa Rede de Municipios Indianos do Norte de España". 

O edil ribadense engadiu: "agardamos e estamos seguros de que este traballo vai traer uns froitos moi positivos nos próximos meses. E seguiremos así traballando por mellorar o turismo e a actividade de Ribadeo".

O xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, subliñou o traballo desenvolvido estes días polo Concello e pola asociación empresarial: "puidemos mostrar o potencial turístico da nosa vila a múltiples operadores e axencias de viaxes. Puidemos reforzar a imaxe de Ribadeo como destino turístico para todo o ano, en tempada baixa, fóra do verán e da Semana Santa, con todo o que se pode ofrecer: dende a praia das Catedrais, Ribadeo Ilustrado, Ribadeo Indiano, entre outros diferentes produtos e servizos que ofrece Ribadeo".

Pérez Prada contou que "pola nosa parte tamén puidemos mostrarlles ás axencias de viaxes e aos turoperadores a ampla oferta de prazas hostaleiras de diferente índole (casas rurais, hoteis de 4 e de 3 estrelas,…) coas que conta Ribadeo; en definitiva todo o que podemos ofrecerlle aos visitantes que veñan, como a oferta de gastronomía dos nosos restaurantes ou da enorme rede comercial que temos en Ribadeo. Creo que demos unha boa imaxe de Ribadeo e levamos a cabo unha boa promoción do municipio, o que considero que repercutirá positivamente no turismo nas vindeiras datas".

En Fitur estiveron estes días o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Turismo e Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, a técnica de Turismo, Begoña García, e o xerente de Acisa, Jesús Pérez.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo