Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto retrato Francisco Moreda

OS CARTOS IRÁN DESTINADOS Á REFORMA DO HOSPITAL ASILO

Sentenza favorable ao Concello

07/12/2022

A Audiencia Provincial de Lugo ven de darlle a razón ao Concello fronte ao Banco Santander por non terlle permitido o acceso durante máis dun ano ás contas do patrimonio da herdanza doada polo médico Francisco Moreda. O alcalde, Fernando Suárez subliñou que "desde o Concello sentímonos aliviados con esta sentenza, sabendo que o interese público non se ve afectado".

O rexedor declarou: "hoxe empezamos con unha boa noticia. Por interese público e por orgullo e dignidade. Acabamos de saber que a Audiencia Provincial de Lugo, a través da Resolución do Recurso de Apelación, confirma definitivamente e nos dá a razón na meirande parte dos nosos argumentos contra o Banco de Santander por non ternos dado acceso ás contas do finado Francisco Moreda durante máis de un ano. Isto supuxo graves danos no patrimonio desta herdanza, por canto ao non poder acceder no tempo razoable, houbo unha serie de produtos financeiros que viron reducido o seu valor".

Suárez Barcia dixo que "desde o Concello, como titular do Hospital Asilo, e por extensión responsable da xestión desta herdanza, nada puidemos facer durante todo o tempo que o Banco actuou neglixentemente ao non permitirnos acceso ás contas e aos valores. O que si fixemos entrementres foron requirimentos a ese Banco, que podería ser responsable, como así acabou sendo, por esta actuación neglixente. Á vista desta inxustiza, decidimos contratar a un moi bo bufete de avogados especializados en Dereito Mercantil, Zamorano & Peleteiro, que sí viron que había motivos para recorrer á xustiza para defender o interese público deste caso".

O alcalde subliñou: "finalmente, a xustiza, en primeira instancia polo Xulgado de Instrución de Mondoñedo e agora xa pola Audiencia Provincial de Lugo en segunda, recoñece a neglixencia do Banco de Santander e obrígao a indemnizar ao Concello. Segundo os nosos avogados, a falta da precisión exacta do montante, este pode ascender a máis de 70.000 euros".

Fernando Suárez manifestou que "desde o Concello sentímonos aliviados con esta sentenza, sabendo que o interese público non se ve afectado. E tamén podemos dicir como moralexa, como non, que o dito de que a Banca sempre gaña, non é certo, ou noutras palabras: Que tamén aquí David lle gaña a Goliat".

O rexedor indicou que "agora este montante económico sumarase ao resto da herdanza, que xa temos a bo recaudo da Tesouraría municipal, e que se complementa coa recente venda do piso que esta persoa tiña en Ribadeo. Así, a falta de precisar con exactitude o monto global, podemos dicir que serán cando menos 800.000 euros".

E engadiu: "e con todo isto, aínda sendo  moito, non é dabondo para a tarefa titánica que temos por diante para o proxecto de reforma do Hospital Asilo, onde a Xunta de Galicia, unha vez máis parece que lle vai fallar de novo a Ribadeo. Pois con Xunta ou sen Xunta habemos facer realidade o de converter nun lugar moderno o vello Hospital Asilo. Iso é o que queremos os homes e mulleres do Goberno Municipal de Ribadeo e sen dúbida, iso sería o que querería o Señor Francisco Moreda Pérez. E por iso, non lle imos fallar".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo