Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto obras A Pega

RECOMÉNDALLES PREGUNTAR ANTES DE FALAR

Obras na Pega

29/09/2022

A concelleira de Obras, Mónica Freire, acláralle ao grupo municipal popular que os traballos no barrio da Pega deron comezo hai dous meses e as da estrada do Faro hai oito. E considera que como concelleiros da oposición deberían ser coñecedores destes proxectos e do seu desenvolvemento.

A edil nacionalista dixo: "desde o goberno de Ribadeo comezamos a barallar a hipótese de que os concelleiros do PP son extraterrestres que, desde logo, non viven no noso concello. Porque estamos atónitos ante estas declaracións do Partido Popular, onde esixen o comezo das obras da Pega e da estrada do Faro, porque estes traballos están iniciados xa desde fai meses".

Freire Rancaño manifestou: "os astrofísicos, para explicar a materia escura, esa que é invisible e esquiva, empregan os saltos espazo-tempo, estes fenómenos paranormais no que unha persoa, ou grupo de persoas, viaxa no tempo e aparece nunha realidade alternativa á nosa. Pois ben, semella que isto é o que lles acontece ao concelleiros do Partido Popular de Ribadeo, porque non se decataron que as obras do Barrio da Pega comezaron fai dous meses, e as da estrada do Faro, fai 8".

A concelleira de Obras considera que "como concelleiros da oposición, deberían ser coñecedores destes proxectos e do seu desenvolvemento, xa que toda a documentación está á súa disposición desde fai meses. A conclusión que sacamos ao ler agora estas palabras de todo desacertadas, é que ou ben non teñen moitas gañas de traballar para saber do que falan e comprobar nas rúas as obras en marcha, ou ben coñecendo os proxectos aproveitan unha vez mais para mentir á veciñanza".

Mónica Freire engadiu que "se o nivel de oposición do grupo popular é facer o ridículo desde xeito, o que lles aconsello é que pregunten antes de falar".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo