Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Monica Freire

LEVA ACTIVO DESDE O ANO 1996

Drogodependencias

22/09/2022

O Concello de Ribadeo renovará o seu Programa de Prevención de Drogodependencias e Outras Condutas Aditas por un período de tres anos. Faino xunto a Trabada, Barreiros e A Pontenova, segundo deu a coñecer hoxe a concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire Rancaño. Os catro Concellos veñen de solicitar unha subvención de máis de 68.000 euros para este fin.

A edil ribadense lembrou que "este Programa de Prevención pertence aos Servizos Sociais do Concello e leva activo dende o ano 1996. Xa no 1998 fíxose o convenio cos outros concellos nomeados. O que nos permite é a realización de programas de prevención escolar en todos os IES e CEIPS dos 4 concellos, programas familiares e programas de información e sensibilización".

A concelleira de Servizos Sociais subliñou que "na prevención escolar, desenvólvense obradoiros para previr o uso-abuso de drogas, pero tamén de adiccións sen substancia como as dos videoxogos, internet ou as apostas on-line..etc Tamén se tratan temas como a presión do grupo de iguais, como dicir que non e habilidades para a vida (empatía, solución de conflitos, etc). En cursos superiores abórdase a problemática das drogas máis directamente, con especial fincapé no alcohol e no cannabis e/ou o que o centro considere necesario. Tamén se fan previos cuestionarios anónimos ao alumnado para saber que drogas ou adiccións (en caso de usar algunha) están a usar e cal é a percepción do risco que eles/elas ven en ese uso ou consumo".

Mónica Freire contou que "no caso da prevención familiar as últimas 3 charlas-coloquio celebradas trataron sobre o acoso escolar, o fenómeno do botellón e o consumo de cannabis (hachís e marihuana). A vindeira , xa programada, tratará sobre a dismorfia do selfie, é dicir a influencia dos filtros de certas apps na forma en que os adolescentes e non tan adolescentes se ven e os problemas de autoestima que isto lles pode carrexar".

A edil engadiu que "desde este programa tamén se informa a quen o precise sobre estes temas, ben sexa de maneira presencial no Auditorio Municipal ou a través do teléfono 982 120 808) ao igual que a través das nosas redes en Facebook e Instagram (AdicciónsZeroRibadeo), que están sempre activas".

Mónica Freire indicou que "o importe da subvención solicitada á Consellería de Sanidade ascende a 68.598,60 euros para os vindeiros 3 anos. O resto do programa está cofinanciado polo Concello de Ribadeo e axudan cunha achega económica os Concellos de Trabada, A Pontenova e Barreiros. O custe total é de 200.982,20 euros".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo