Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello

UNHA CLÍNICA PODOLÓXICA E UN LOCAL PARA REPARAR CALZADO

Novos negocios

21/09/2022

A última xunta de goberno local concedeu licenza para a posta en marcha dunha explotación de kiwis na parroquia de Ove, que ocupará unha superficie de 20 hectáreas. E tamén foi autorizado o acondicionamento dunha edificación en Vilaframil para crear un centro social a través de 2 vivendas comunitaria para 18 persoas. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou a seguridade xurídica que o PXOM ofrece a quen quere instalarse en Ribadeo, producir en Ribadeo ou vivir en Ribadeo.

O rexedor comentou: "énchenos de orgullo ver que o noso Ribadeo sigue indo polo bo camiño día a día. Nesta xunta de goberno que celebramos onte, demos as correspondentes autorizacións municipais para unha serie de actuacións moi importantes para o noso concello que se veñen sumar a toda esta restra de iniciativas económicas, empresariais, turísticas, agrícolas e residencias que estamos a ver nos últimos tempos".

Suárez Barcia explicou que "concretamente, e a modo de resume, porque nunha xunta de goberno hai moitas máis autorizacións de carácter menor, pois demos as licencias para unha explotación de kiwis na parroquia de Ove. Esta importantísima actuación levarase a cabo nuns terreos que superan as 20 hectáreas e cunha inversión moi notable que supera con moito o millón de euros de orzamento antes de impostos. Na tramitación deste expediente contou con todas as autorizacións sectoriais previas. Esta iniciativa, que sen dúbida xerará activade económica continuada, postos de traballo e ademais, poñerá en valor o sector primario para diversificar a economía local e que tamén poida contribuír a fortalecer este sector no noso territorio e especialmente, no momento histórico en que estamos".

O alcalde contou que "noutra orde de cousas, tamén demos autorización para unha clínica de podoloxía e un negocio de reparación de calzado, ambos os dous na rúa Ramón González así como para a construción dunha nova vivenda unifamiliar na rúa de San Lázaro. E tamén a xunta de goberno local autorizou, logo de contar cos permisos sectoriais previos da Xunta de Galicia, o acondicionamento de edificación para a creación dun centro social a través de  dúas vivendas comunitarias para un total de 18 prazas".

Fernando Suárez engadiu que "a lección que aprendemos de todo isto que vimos informando nestes últimos tempos é debido a importancia do traballo feito nestes anos anteriores para ter os instrumentos de planeamento urbanísticos aprobados, modernos e adaptados ás leis vixentes. Así que Ribadeo conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal e cun específico para o casco vello que contribúen cada día a dar seguridade xurídica e ofrecer posibilidades para instalarse en Ribadeo, producir en Ribadeo ou vivir en Ribadeo, que é do que se trata".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo