Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto lixo Xira Santa Cruz

FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

Xira de Santa Cruz

03/08/2022

O vindeiro domingo, 7 de agosto, celébrase a Xira de Santa Cruz. Co obxectivo de preservar a festa e de manter a súa esencia o Concello prohibe realizar cerramentos con plásticos ou calquera outro material non acorde con entorno así como dispoñer mobles nesa área recreativa. Nun Bando o alcalde, Fernando Suárez, amosa a súa preocupación pola falla de civismo detectada nas últimas edicións, porque moitos obxectos quedaron abandonados alí "parecendo aquilo un auténtico vertedoiro".

No Bando o alcalde explica que "a Xira de Santa Cruz trátase dunha Festa de Interese Turístico de Galicia que se leva celebrando dende os anos 40, motivo polo que debemos fomentar a súa preservación e promoción, e dentro da cal destaca a romaría celebrada na área recreativa do Monte de Santa Cruz, cedida pola MVMC DE OBE, SANTA CRUZ E CAPELA á Asociación de Amigos da Gaita Galega como organizadora desta festa, organización na que tamén participa o Concello de Ribadeo". 

Suárez Barcia sinala que "despois de dous anos complicado por culpa da pandemia ocasionada polo covid-19, esperamos con máis forza se cabe que chegue esta data tan sinalada para os veciños e as veciñas de Ribadeo e os seus visitantes. Como acontecera en anos anteriores, preocúpanos seriamente a falta de civismo que se ten observando na celebración desta romaría, o que de ningún xeito queremos que acabe coa orixe, propósito e significado desta festa, podendo incluso chegar o momento de que xa non teña razón de ser". 

O rexedor manifesta no Bando asinado nas últimas horas que "xa é unha práctica habitual que de cara a ese día se dispoñan recintos pechados con plásticos agrícolas na área recreativa, que non fan máis que illar á xente, así como toda clase de mobles como sofás e colchóns, entre outros obxectos non acordes, resultando todo isto unha mala imaxe para a festa, co serio agravante de que practicamente nada se recolle ao finalizar a romaría, parecendo aquilo un auténtico vertedoiro". 

No Bando sublíñase que co fin de evitar a problemática descrita, de cara á Xira de Santa Cruz 2022, prohíbese: realizar cerramentos de recintos na área recreativa con plásticos ou calquera outro material non acorde co entorno e  dispoñer mobles ou calquera outro material que non vaia co entorno. Incumprir o anterior considerarase como disposición de residuos nun lugar non autorizado, coa consecuente posibilidade de incoación de expediente sancionador para os responsables. 

Fernando Suárez puntualiza que "non obstante, permítese reservar espazos da área recreativa dun xeito tradicional e respectuoso co entorno, como pode ser corda ou cinta plástica, dispoñer toldos ou parasoles para protexerse do sol ou da chuvia que nunca supoñan o illamento dun espazo, así como subir aqueles obxectos directamente relacionados coa festa, coa consecuente obriga de recoller todo ao abandonar o lugar. E por suposto, permítese gozar dunha romaría en familia e cos amigos e veciños, da música e baile tradicional galego, co fin de non perder a esencia da Festa da Xira de Santa Cruz".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo