Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto execucion subsidiaria

FÓRONLLES IMPOSTAS 4 MULTAS COERCITIVAS POR 8.200 EUROS

Execución subsidiaria

23/06/2022

O Concello realiza a execución subsidiaria dunhas obras nun céntrico edificio da rúa Villafranca do Bierzo, debido ao descoido e á desatención por parte dos seus propietarios que foron facendo que o seu deterioro afecte non so ao ornato senón tamén á seguridade pública. O importe das obras ascende a 20.000 euros e o prazo de execución será dun mes, segundo informou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que "hoxe iniciamos unhas obras das que non nos gusta facer, pero que temos que executalas por responsabilidade para protexer aos viandantes e para garantir unha mínima seguridade pública.Trátase dun céntrico edificio da Rúa Villafranca do Bierzo que desde hai uns anos a esta parte, o descoido e a desatención por parte dos seus propietarios foron facendo que o seu deterioro afecte non so ao ornato público senón tamén á seguridade pública".

Suárez Barcia lembrou que "o Concello xa declarou a ruína parcial do inmoble ao ser declarada en ruína a súa cuberta no ano 2014. Desde aquela foron desatendidas todas as advertencias que o Concello fixo tendo que chegar a impoñer un total de catro multas coercitivas por un importe de máis de 8.200 euros".

O alcalde contou que "hai pouco tempo quixemos acceder ao interior para comprobar a gravidade da situación actual e non puidemos facelo pola negativa dos residentes e pedímoslle auxilio á xustiza, pero non o obtivemos dado que nos comunicaron que debiamos actuar doutro xeito sen invadir o domicilio".

Fernando Suárez indicou que "agora, atendendo aos informes técnicos municipais que nos indican que debemos adoptar medidas inmediatas, acabamos de contratar unhas obras de urxencia consistentes en asegurar e estabilizar a carpintería de exteriores, en facer arranxos na cornixa, nas fachadas, substitucións dos canalóns, pintados e adecentados. Estas obras ascenden a uns 20.000 euros de diñeiro público, que van saír de todos e de todas as ribadenses. O prazo de execución é de un mes e a obra foi adxudicada a Coto Estudios y Construcciones".

O alcalde subliñou: "e o que si debe quedar claro é que os importes, tanto das sancións aínda non cobradas como toda esta execución subsidiaria, serán cobrados polos sistemas previstos nas leis, chegando incluso, se é necesario, ao embargo da propiedade".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo