Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello

O INVESTIMENTO ASCENDERÍA A 62.000 EUROS

Axuda rexeitada

21/06/2022

O Concello pedirá a revisión do expediente administrativo dunha axuda solicitada á Xunta para amañar varios problemas no Pazo de Ibáñez. A administración galega desestimouna e o alcalde, Fernando Suárez, cualifica a resposta de fría e tallante.

O rexedor dixo que "con certo desgusto, aínda que non nos colle de sorpresa porque xa estamos afeitos. Trátase de ver a dobre vara de medir. Ter que aturar día si e día tamén canto fai a Xunta por nós, pero cando os quitamos das achegas de festas, de cuchipandas e demais chilindradas varias pois queda todo un pouco, un pouquiño escaso".

Suárez Barcia manifestou: "acabámolo de ver nestes días cunha subvención que o Concello pediu para amañar unha serie de problemas que tiñamos na Casa do Concello, problemas de humidades, de accesibilidade especialmente ás oficinas da Policía Local, un novo equipamento e mobiliario necesario por estar máis que consumida a súa vida útil. Vaia, que se cumprían perfectamente as bases da convocatoria de axudas. E fixemos un proxecto por importe de 62.000 euros e estabamos dispostos a sufragar loxicamente unha parte. Pois a resposta foi así de fría e de tallante: desestimada". 

O alcalde sinalou: "chámanos a atención a falta de transparencia e a falta de motivacións, para a resposta dunha petición de axudas regradas en pleno ano 2022. De aí que imos pedir acceso ao expediente administrativo para ver os criterios que utilizaron para descartar de xeito tan chosco". 

Fernando Suárez engadiu: "en fin, con todo, coa nosa parte de fondos propios, que tiñamos reservada,  tentaremos acometer parte destas obras proxectadas sen chegar loxicamente a facer o que pretendiamos, para ben de todos os veciños, veciñas e usuarios desta Casa Consistorial".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo