Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto cartel LGTBI

HABERÁ OBRADOIROS, CINEMA E UN MURAL

Día Internacional do Orgullo

20/06/2022

A Concellaría de  Igualdade, Ensino e  Mocidade  organiza, en colaboración co colectivo As Vacas Fracas, unha serie de actividades de carácter lúdico para conmemorar e reivindicar o próximo 28 de  xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ (Lésbico, gai, trans, intersexual, queer).

Cada ano conmemórase este día en recordo aos disturbios de Stonewall, Nova York, en 1969, cando a policía cargou con extrema violencia contra varios establecementos frecuentados por persoas LGTB. Desde entón, houbo un punto de inflexión, a  comunidade LGTB comezou a loitar polos seus dereitos e creou campañas que conseguiron converterse en símbolos internacionais pola defensa da liberdade e a promoción da igualdade de oportunidades para todas as persoas.

Desde a Concellaría de Igualdade sinalan que "a diversidade sexual e de xénero cobran sentido desde o recoñecemento da diferenza, cando tomamos conciencia de aínda que non somos iguais, cada  persoa ten a súa propia orientación, identidade e sexualidade. E isto non nos fai nin mellores nin peores porque o importante é que somos iguais en dereitos. A diversidade é positiva,  enriquece e debe valorarse  para garantir a liberdade de expresión de todas as persoas". 

O  programa de actos que se desenvolverán en Ribadeo é o seguinte:
O sábado, 25 de  xuño, realizarase un mural e un obradoiro de graffitis e técnicas mixtas no pavillón municipal ás 17:00 horas co colectivo As Vacas Fracas.

O 26, domingo, ás 20 horas comezará o ciclo de cinema, no Cinema Teatro, coa proxección da película
Carmen e Lola, de Arantxa Echevarría.
O luns, 27 de xuño, a partir das 17 horas desenvolveranse unha serie de obradoiros infantís de técnicas mixtas, no Parque San Francisco, orientadas na diversidade. Estas actividades están destinadas e nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. En caso de circunstancias climatolóxicas adversas estas accións trasladaranse á Escola Municipal de Música e Danza. Para a  xente moza e a adulta ás 20.00 horas no Teatro proxectarase no Teatro
Sedimentos, de Adrián Silvestre, un filme que  poderá ver  calquera  persoa a partir dous 13 anos. As actividades programadas rematarán o 28 de xuño ás 19:30 horas coa presentación do mural no pavillón municipal. 

Tamén a Casa do Concello  lucirá a  bandeira LGTBI. Desde a Concellaría de Igualdade subliñan que "desde o Concello de Ribadeo continuamos co noso compromiso coa igualdade e contra a discriminación de  xénero e das características  sexuais de cada  quen".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo