Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto campo Devesa

AS OBRAS ESTÁ PREVISTO QUE SE REALICEN DURANTE O VERÁN

Campo de xogo da Devesa

24/05/2022

A Área de Deportes da Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo financiarán o proxecto de mellora do campo de adestramento e xogo da Devesa. O investimento ascenderá a 50.000 euros. En datas próximas será asinado o convenio entre ambas administracións. Hoxe visitaron as instalacións o deputado provincial responsable de Deportes, Efrén Castro, o alcalde ribadense, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, así como directivos da SD Ribadeo, do Ribadeo FC e dos Veteranos do Ribadeo FC. Xunto a eles estiveron tamén os edís de Economía e Obras, Pablo Vizoso e Mónica Freire.

Na quenda de intervencións o alcalde, Fernando Suárez, dixo que "sodes varias asociacións con moita xente: o Ribadeo Fútbol Club, a Sociedade Deportiva Ribadeo e os Veteranos do Ribadeo Fútbol Club. Todos facedes un uso intenso de todas as infraestruturas e ás veces é necesario melloralas, como é o caso que queremos. Para melloralas fan falta cartos, evidentemente, e para iso necesitamos botar man de quen nos axuda, que é o que fai a Deputación de Lugo, como fixo co Pepe Barrera e vaino facer tamén con este proxecto de mellora do campo de adestramento e de xogo da Devesa. É un proxecto que desde o Concello quixemos redactar para poder levalo adiante neste verán para mellorar as carencias deste campo porque foi feito hai anos, está moi desnivelado e ten problemas tamén de dureza e os xogadores quéixanse de que é moi duro. Entón necesitamos darlle unha volta".

O responsable da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro, contou que "o Concello presentounos este proxecto de mellora destas instalacións e transmitiunos esa necesidade porque fixérase un esforzo no campo principal pero calquera que coñeza o deporte, como o coñezo eu, sabe que esa é só unha parte e hai moitos outros como os veteranos, as categorías inferiores ou outros equipos que necesitan instalacións dignas polo que hai que melloralas. Polo tanto chegamos a un acordo e vanse facer estas obras, se todo sae ben, neste verán. Trátase de seguir nese camiño que está a facer o Concello de Ribadeo para mellorar paso a paso todos os equipamentos deportivos. E a Deputación colaborar nesa promoción do deporte que vén da man de mellorar as instalacións".

Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, engadiu que "cando este campo da Devesa estea operativo vai estar a disposición, como sempre, das tres entidades: Ribadeo FC, SD Ribadeo e Veteranos. O montante da obra rolda os 50.000 euros, un investimento da Deputación e do Concello, practicamente ao 50 por cento, aínda que pon un pouquiño máis a Deputación".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo