Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto campaña comercio

DO 18 DE MARZO AO 18 DE ABRIL

O comercio en movemento

16/03/2010

Concello e Centro Comercial Aberto de Ribadeo organizan a campaña "Comercio en movemento" para dinamizar a actividade diaria da vila e con ela o pequeno comercio. Dará comenzo o 18 de marzo e inclúe concertos e desfiles de moda na rúa, concursos de fotografía e de pintura, teatro e arte nos escaparates.

Comercio en movemento así se denomina a campaña presentada hoxe polo Concello de Ribadeo e polo Centro Comercial Aberto que pretende poñer en común o traballo, o esforzo e os recursos co obxectivo de dinamizar a actividade diaria da vila e con ela do pequeno comercio que está ao pé de rúa.

A campaña dará comenzo o 18 de marzo e prolongarase ata o 18 de abril, contempla: concertos na rúa a cargo da Escola de Música e Danza de Ribadeo;  un concurso de fotografía co gallo da celebración do día do pai, moda e arte ao pé da rúa, que inclúe a apertura da IV edición de Mariñarte o 27 de marzo e un desfile de moda o 10 de abril; un concurso de pintura rápida o 17 de abril; unha campaña de animación á lectura, que terá lugar os días 29 de marzo e 10 de abril; e teatro para público familiar os días 21 e 31 de marzo e o 18 de abril. Do 18 de marzo ao 18 de abril pola compra nos establecementos do CCA regalaranse bonos dunha hora para o lecer no centro de ocio infantil Dubidú.

Tanto o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, coma o presidente de ACISA e do CCA, Gervasio Cao, destacaron a colaboración mutua para levar adiante esta campaña que tildaron de novidosa. O rexedor suliñou que "faremos durante un mes unha serie de actividades de teatro, de música, de pintura… onde nos escaparates dos comercios de Ribadeo os artistas da Mariña exporán as súas obras de arte, haberá concertos na rúa e concursos de fotografía ou desfiles de moda polas rúas de Ribadeo. Confiemos que, despois deste inverno longuísimo de chuvia, de vento e de frío, chegue a primavera e nos permita facer estas actividades ao aire libre para que Ribadeo siga sendo o que é, un referente estratéxico no comercio e que ao mesmo tempo estea acompañado de diferentes actividades no plano cultural e didáctico".

Gervasio Cao explicou que "esta idea nace para recuperar dalgún xeito a vida na rúa e por reestructurar a campaña de nadal que repartía uns 12.000 euros en premios que se podían consumir durante todo o ano, entón decidimos concentrar toda a actividade nun mes. Éste é o mes no que se poden canjear eses premios que se entregaron na pasada campaña, quixemos facer unha especie de mes fantástico ou especial conxuntamente con algunhas das actividades que xa viña facendo de xeito habitual o Concello". O presidende de ACISA/CCA amosou a súa satisfacción "por este paso e crer de verdade en que terá éxito sempre pensando no tema climatolóxico. É unha experiencia nova que esperamos sexa exitosa e que teña calado naqueles clientes habituais de Ribadeo, que son moitos. Ribadeo foi sempre un centro de compras tradicional hoxe transformado nun centro comercial aberto, agardamos que esas persoas se sintan seducidas por esta nova idea e que sexamos capaces de divertir con esta proposta".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo