Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto escola Ove

OS TRABALLOS AFECTARÁN AO PINTADO E Á CARPINTERÍA

Escola de Ove

11/05/2022

O Concello acometerá a mellora e o acondicionamento exterior da Escola Municipal de Ove. Será con fondos propios e cunha subvención de 9.800 euros procedente de Turismo de Galicia.

O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, contou que "acabamos de ser merecedores dunha pequena axuda das convocadas por Turismo de Galicia para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago".

Villamil explicou que "aproveitando esta Orde de axudas, e xa que está a carón do Camiño Norte de Santiago, desde o Concello propuxemos a mellora e o acondicionamento exterior da Escola Municipal de Ove". 

O concelleiro de Medio Rural subliñou que "agora coa confirmación desta axuda que se cifra en 9.800 euros e asumindo o Concello o resto, executaremos as obras de pintado do exterior da Escola, repararemos a súa carpintería exterior e repasaremos as fachadas e as baixantes. É dicir melloraremos a estética e a conservación deste inmoble que está ao pé do Camiño de Santiago para que siga sendo funcional e usado por todos os veciños e veciñas da parroquia".

Marcos Villamil engadiu que "temos que sinalar tamén que esta é unha máis das accións que desde o Concello de Ribadeo estamos a levar adiante, tanto con fondos municipais como aproveitando a colaboración con outras administracións, neste caso, coa autonómica".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo