Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Nutella

O AGASALLO RECIBIDO POLO CONCELLO FOI DOADO AO ASILO

As Catedrais e Nutella

11/05/2022

O alcalde, Fernando Suárez, valorou de xeito positivo a campaña de promoción realizada por Nutella na que aparece a praia das Catedrais xunto a outros enclaves senlleiros estatais, aínda que dirixiu un escrito á empresa solicitándolle que respecte o topónimo oficial deste areal. Suárez Barcia subliñou que ao cabo duns días no Concello recibiuse unha resposta satisfactoria a esta petición, polo que lles recoñece a rapidez e valora a sensibilidade coas normativas legais.

Suárez Barcia explicou que "vimos hai uns días esta campaña importante desta coñecida marca e valorámola positivamente, aínda que vimos con tristura que nela non respectaban a toponimia legal e oficial do nome da praia, polo que lles enviamos un escrito explicativo e solicitándolles amigablemente o importante de respectar os nomes de lugar na súa forma orixinal. Ao cabo duns días recibimos unha resposta satisfactoria da nosa petición. Queremos por iso, recoñecerlles a rápida resposta e valorarlles a sensibilidade coas normativas legais e de recoñecer que os nomes de lugar non se traducen, polo que As Catedrais son As Catedrais, aquí e na China Popular".

O rexedor dixo: "estamos seguro de que estas campañas de comunicación para os seus produtos terán un notable éxito ilustradas con imaxes de espazos senlleiros e xa universalmente coñecidos como é o areal ribadense das Catedrais".

E engadiu: "salientar tamén que dentro deste envase xigante deste produto viñan unha serie de bombóns e chocolates que lles agradecemos. O que fixemos con eles foi doalos ao Hospital-Asilo para que fagan bo uso del os usuarios do Centro, sempre que as súas condicións e saúde llelo permitan".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo