Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Cabanela

ONDE NACÍA RIBADEO ALÓ POLO SÉCULO XII

Barrio de Cabanela

11/01/2022

O alcalde, Fernando Suárez, valorou de xeito positivo a visita cursada esta mañá a Ribadeo pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. E anunciou que nunha das actuacións do Plan Rexurbe, en Cabanela, o equipo de goberno aposta "porque a rehabilitación destes inmobles en ruínas sexa destinado ao aluguer de vivenda para a xente nova".

O rexedor dixo: "agradecer e valorar positivamente a visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, aquí, a Ribadeo, e concretamente ao casco vello, sobre o que hai poucos días respondeu o Consello da Xunta á nosa petición, por parte do pleno da Corporación, para que sexa declarado como Área Rexurbe, porque levamos anos traballando na rehabilitación intensa do conxunto histórico. E, ao mesmo tempo, despois de moitos anos de traballo, puidemos aprobar un Peprich (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) e agora este é un novo paso que pretendemos dar precisamente para actuar naqueles ámbitos que nos parece que está máis degradados e que soamente coa iniciativa privada é difícil". 

Suárez Barcia comentou que "un exemplo é o barrio de Cabanela, onde naceu Ribadeo aló polo século XII e que está nunha situación de tremenda ruína, nun estado lamentable desde hai decenios. Polo tanto espazos como este son propicios para que, con esta iniciativa Rexurbe, entre varias administracións poidamos impulsalo. Tamén loxicamente contando coa iniciativa privada, pero as administracións deben impulsar, tutelar e dirixir estas iniciativas".

O alcalde ribadense subliñou que "nunha das actuacións do Plan Rexurbe, concretamente a do barrio de Cabanela, apostamos porque a rehabilitación destes inmobles en ruínas sexa destinado ao aluguer de vivenda para a xente moza".

E engadiu: "temos varias cuestións que facer agora, como un plan de dinamización, co que nos poñeremos inmediatamente para que os resultados desta Área Rexurbe se poidan ver canto antes. Así que moitas grazas, conselleira e demais representantes autonómicos, por vir aquí hoxe e quedamos, coma sempre, á vosa disposición".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo