Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto pista multideporte

UNHA DOTACIÓN MOI DEMANDADA POLA XUVENTUDE RIBADENSE

Licitación da pista multideporte

30/12/2021

O Concello acaba de licitar as obras de construción dunha pista multideporte na mazá interior entre a Avenida de Galiza e as rúas Daniel Cortezón e Pintor Fierros. O investimento ascenderá a 460.000 euros e o prazo de execución será de 8 meses. As empresas teñen ata o 19 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que "estamos nos últimos latexos deste ano 2021 e desde o Concello non queremos deixar de traballar e de cumprir cos nosos compromisos. Acabamos de licitar un ambicioso proxecto dirixido á mocidade, a todos eses rapaces e rapazas que nos levan moito tempo demandando espazos públicos de lecer, de deporte non regrado, é dicir, para botar unhas pachangas, e dos que a vila de Ribadeo lamentablemente non tiña".

O rexedor dixo que "por todo isto, os técnicos estiveron traballando duramente nestes meses, os representantes políticos fomos buscando finanzamento para esta grande actuación e atopámola na Área de Deportes da Deputación de Lugo, que foi sensible ás nosas demandas, polo que se abre agora o proceso de licitación dunhas obras que imos acometer nunha superficie de máis de 7.000m2 nos terreos municipais da mazá interior entre a Avda. de Galiza e as Rúas Daniel Cortezón e Pintor Fierros. Estes terreos están así establecidos no vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal para este tipo de finalidades".

Suárez Bacia subliñou que "outro dato significativo desta actuación é o  económico, pois as obras ascenden a 460.000 euros, dado que tivemos que incrementar a previsión inicial en 50.000 euros porque quixemos acondicionar tamén a praza de entrada a este novo espazo. Así a actuación contempla a construción dunha pista multideporte para fútbol, para baloncesto, para voleibol duns 1000m2. Tamén contempla outra pista de skate con gradas de máis de 1.400m2, así como unha zona para a práctica da calistenia. Loxicamente contémplase zonas arboradas, de xardín, zonas de paseo, un moderno sistema de alumeado, etc para que esta zona de reunión sexa útil durante todo o ano".

O alcalde engadiu que "estas obras terán un prazo de execución máximo de 8 meses e o prazo para as empresas que desexen presentarse a este procedemento aberto remata o vindeiro 19 de xaneiro. Toda a información está dispoñible na web municipal e na Plataforma de Contratos do Estado".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo