Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Victor Moro

FOI NOMEADO FILLO PREDILECTO DE RIBADEO EN 2012

Pasamento de Víctor Moro

15/12/2021

As bandeiras do Concello ondean a media asta como mostra do pesar do pobo de Ribadeo polo pasamento de Víctor Moro. O economista e ex director do Banco de España en Cataluña faleceu hoxe aos 95 anos de idade.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "lamentamos a súa perda. Víctor Moro, ribadense de nacemento, sempre estivo moi vinculado á nosa vila a onde acudía con certa frecuencia". 

Víctor Moro fora nomeado Fillo Predilecto de Ribadeo o 2 de setembro de  2012. O rexedor destacou no discurso pronunciado esa xornada que "mención especial debe ter o seu compromiso con este Concello que o quere laudar e coa súa Ría, a Ría de Ribadeo que, sendo de todos e todas, divide administrativa e teoricamente unha realidade que as xentes de ambas as beiras se encargan de borrar no decorrer do día a día, compartindo relacións comerciais, lingua, cultura e tradicións. Neste caso, o Sr. Víctor Moro Rodríguez foi e é un activo defensor da legalidade, recoñecemento e difusión do topónimo histórico, legal e vixente Ría de Ribadeo". E engadía: "así pois, logo de toda unha vida, queda patente a súa implicación e relación de amor profundo a esta terra que o viu nacer, que o fai merecente do nomeamento como Fillo Predilecto de Ribadeo. Este recoñecemento viráselle engadir a outros tan excelsos como a Orde do Mérito Constitucional, a Cruz do Mérito Naval, ou a Creu de Sant Jordi, entre outros, méritos todos estes que non podemos desmerecer aínda que ningún deles seguramente teña o significado emotivo e agarimoso como o que lle recoñecemos nós como “profeta na súa terra”, e é por isto que a Corporación Municipal que me honra presidir, outorgou o pasado xoves, por unanimidade, o título de Fillo Predilecto de Ribadeo a D. Víctor Moro Rodríguez".

En sinal de loito polo pasamento de Víctor Moro as bandeiras do Concello de Ribadeo ondean a media asta.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo