Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto remate queixos

PARA ACHEGAR AOS CATIVOS AO SECTOR PRIMARIO

Remete dos obradoiros en Pedro Murias

30/11/2021

O alcalde, Fernando Suárez, subliña o éxito dos obradoiros de elaboración de queixo que foron impartidos durante tres xornadas na Escola Pedro Murias para un grupo de 50 nenas e de nenos do Ceip Gregorio Sanz co obxectivo de achegalos ao sector primario. A actividade foi organizada polo Concello, que á volta das vacacións de Nadal retomará estes obradoiros aos que se poden anotar os centros de ensino que o desexen.

O rexedor dixo que "con notable éxito se foron desenvolvendo estes pequeniños obradoiros que fomos organizando desde o Concello cos colexios e cos aproximadamente 50 nenos e nenas, que durante estas xornadas estiveron aprendendo, da man dos profesionais que traballan en Pedro Murias, como se fan os queixos. É unha maneira de achegarse para eles ao sector primario e a estes procesos, que son descoñecidos pero que deberan ser tan naturais, pero realmente non o son a día de hoxe".

Fernando Suárez sinalou que "ademais isto danos moita ansia porque sabemos que se foi propagando a idea e outros nenos e nenas tamén queren vir a estes cursos, polo que vamos promover outra serie deles á volta do Nadal, para que outros nenos e nenas, dese centro ou doutros que se queiran anotar, tamén poidan aproveitar estas instalacións de Pedro Murias, que moitas veces están infrautilizadas. De feito o Concello de Ribadeo forma parte dun padroado da Fundación Pedro Murias, que está caducado desde hai un tempo, aínda que desde hai varios anos lle estamos indicando á Consellería de Medio Rural a necesidade de traballar en conxunto para facer moitas cousas que se poden levar a cabo neste centro educativo para que esta xuventude se achegue un pouquiño máis ao noso sector primario, moitas veces vilipendiado pero tan produtivo e tan cheo de posibilidades e de esperanza".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo