Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello

DARÁ COMEZO ÁS OITO DA TARDE

Pleno ordinario, mañá

29/11/2021

No pleno ordinario que se celebrará mañá no Concello de Ribadeo someterase a aprobación a solicitude dun novo proxecto europeo Life Global para a costa ribadense. Á sesión tamén se levará a actualización do IPC interanual para as taxas da auga, do saneamento e da piscina municipal e unha modificación para a adaptación técnica e redución económica da ordenanza de terrazas.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, contou que "un dos temas que vai ao pleno de mañá é a proposta de solicitar un novo proxecto europeo que coñecemos como Life Global, e trátase xa da segunda candidatura pois a primeira non acadou a puntuación necesaria para obter o financiamento comunitario. Este proxecto segue a estela do Life Fluvial, que aínda está vixente, e co que fomos expropiando nestes últimos tempos terreos na marxe galega da ría de Ribadeo para poñer a disposición de Conservación da Natureza para facer actuacións medio ambientais. De aí que estivéramos substituíndo eucaliptos por frondosas desde As Aceas ata practicamente o inicio da traza do tren mineiro de Ribadeo a Vilaoudriz".

O rexedor explicou que "agora neste outro Life que queremos solicitar, trátase de pedir financiamento para adquirir unha serie de parcelas que lindan co mar, na parroquia da Devesa, singularmente no que é o entorno das Catedrais, e tamén en Rinlo e máis en Vilaframil. En definitiva, propoñeríamos a compra de 27 parcelas, que ocupan unhas catorce hectáreas no seu conxunto, para lograr a restauración dos hábitats costeiros de flora autóctona. Este ambicioso proxecto tamén se levaría a cabo en coordinación con outras comunidades como Asturias, Castela, Euskadi e Navarra, a través do IBADER, que é o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago de Compostela".

Suárez Barcia dixo que "tamén levaremos ao pleno a actualización das tarifas da auga, do saneamento e da piscina municipal coa aplicación do IPC interanual correspondente, que neste ano se sitúa no 4%. O resto de taxas e impostos municipais, como non están suxeitos a actualizacións obrigatorias, decidimos non subilos". 

O alcalde engadiu: "tamén queremos facer unhas modificacións na ordenanza das terrazas para bares, restaurantes, cafeterías, etc… para consolidar os cambios que se permitiron no máis duro da pandemia, é dicir, poder poñer as terrazas, sempre que as condicións técnicas o permitan, nas zonas de estacionamento reservadas a vehículos. Evidentemente terán que cumprir cunha serie de criterios técnicos en canto a materiais, a seguridade, á instalación de tarimas de ser necesario, etc…, pero desde o punto de vista económico fixemos un novo estudo e determinamos unhas novas tarifas, que serán máis baixas en xeral, atendendo tamén a que os espazos a ocupar tenden a ser maiores do que eran para un mesmo número de persoas que os ocupen. Ademais, de xeito excepcional, para este vindeiro ano 2022 aplicarase un 50% de redución na taxa por ocupación de vía pública".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo