Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto estacion

CONTA CON BEIRARRÚA, BANCOS, ÁRBORES E LUMINARIAS LED

Estrada da estación

22/10/2021

Remataron as obras da estrada da estación, que xa foron recepcionadas oficialmente. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "nos sentimos orgullosos como goberno municipal de Ribadeo". O investimento ascendeu a 353.000 euros, dos que 280.000 chegaron procedentes da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo e 73.000 euros do Concello de Ribadeo.

O rexedor sinalou que "logo de moito traballo na redacción dun proxecto moi complexo, na consecución do vial posto que non era nin municipal, da cesión amigable de superficies colindantes por parte de particulares, da moita coordinación entre diferentes administracións como Adif ou a Deputación de Lugo. E tamén dalgunhas decepcións con outras como a Xunta de Galicia que non deu un can. Pois por todo isto, e por fin, xa está rematada e oficialmente recepcionada a estrada da estación, desde que onte se deu de alta o novo alumeado que a vai iluminar polas noites".

Para Fernando Suárez "trátase dunha obra da que nos sentimos moi orgullos como goberno municipal de Ribadeo, porque lle resolve un excelente acceso aos veciños desa zona pero sobre todo porque é unha arteria principal de Ribadeo que, aínda estando na vila, da moitísimo servizo ás parroquias do interior, ao saír moita carga pesada por aí".

O alcalde explicou que "con estas obras ampliamos o viario a 10 metros, construímos unha beirarrúa nunha das súas marxes, instalamos un novo sistema de iluminación led, puxemos árbores e diverso mobiliario público. E tamén aproveitamos para amañar a rúa adxacente, Segundo Moreno Barcia".

Suárez Barcia engadiu: "e unha vez mais, a Deputación de Lugo, dentro da Área de Medio Rural foi determinante para axudarnos a financiar esta importante obra. Cunha achega de 280.000 euros da Deputación e 73.000 euros do Concello puidemos completar o orzamento total de 353.000 euros para mellorar completamente este viario. Foi unha pena tamén, que a Xunta de Galicia, despois de térsenos asegurado hai uno ano no Pleno da Corporación por parte do PP local, que para esta actuación a Xunta ía poñer si ou si, pois ao final, e coma sempre, foi non. Con todo, xa estamos afeitos a estes desplantes. Ogallá no futuro inmediato cambien a actitude, van ter moitas oportunidades para poder facelo. Sempre será positivo para Ribadeo. Mentres iso non aconteza, pois nós ao noso, a seguir transformando Ribadeo para mellor".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo