Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Mariluz Lastra

COA PARTICIPACIÓN DE VARIAS ÁREAS DO CONCELLO

Actividades para os centros de ensino

11/10/2021

O Concello deseñou unha proposta de actividades complementarias para todos os centros de ensino de Ribadeo para o curso 2021-22 como complemento do currículo educativo e co obxectivo de favorecer unha educación en valores. Haberá, entre outras propostas, exposicións, cine, teatro, obradoiros ou roteiros.

A concelleira de Ensino, Igualdade e Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, contou que "un ano máis o Concello de Ribadeo, dada a boa acollida e o éxito de participación dos cursos anteriores, presentoulles aos centros de ensino de Primaria, Secundaria e Formación Profesional unha proposta de actividades complementarias encamiñadas a favorecer o coñecemento do noso patrimonio histórico cultural, o respecto e o coidado do medio ambiente, o fomento de valores  como a igualdade, o respecto e a tolerancia ás diferenzas, a prevención e sensibilización sobre violencia de xénero, a educación emocional...". 

De xeito transversal as Áreas de Ensino, Igualdade, Mocidade, Cultura, Medio Ambiente e Turismo deseñaron actividades moi variadas e motivadoras das que poderá desfrutar o alumnado ao traballar conxuntamente cos centros  educativos.

Álvarez Lastra explicou que "a programación púxose en marcha o pasado mes de setembro coas tres actividades do programa Ler Conta Moito e continuará ao longo de todo o curso 2021- 22 con propostas como: exposicións, cine, teatro, encontros literarios,  música, danza, roteiros, obradoiros de elaboración de queixos e limpeza de praias, actividades e obradoiros de igualdade como Conectando, comunicando, socializando… Concurso de historias sobre as ciberviolencias, Sexualidade dende o bo trato, Cambios no corpo, Escape room  rexeita o maltrato, entre outras".

A edil ribadense engadiu que "dende o Concello queremos contribuír ao desenvolvemento integral do alumnado e agradecer a todos os centros a súa participación nesta labor de involucrar oo seu  alumnado nestas iniciativas  na medida das súas posibilidades ou noutras parecidas, pois pode que sexa a única posibilidade real que teñan a maioría de nenas e nenos, de rapazas e rapaces… de coñecer este tipo de propostas".

Mariluz Álvarez Lastra subliñou que "a responsabilidade de formar cidadáns responsables é de todas e todos".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo