Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto obradoiro

HABERÁ FORMACIÓN TEÓRICA E PRÁCTICA

Prepara o teu camiño

01/10/2021

A mediados de outubro dará comezo o novo obradoiro de emprego, que lle foi concedido ao Concello. Denomínase Prepara o teu camiño, terá unha duración de 9 meses e formará a 20 persoas en situación de desemprego maiores de de 18 anos.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, declarou que "un novo obradoiro de emprego foi concedido recentemente ao Concello de Ribadeo pola Consellería de Emprego e Igualdade dentro do marco da xestión de Fondos Europeos destinados á formación e á incorporación ao mercado laboral das persoas desempregadas. Este proxecto, que denominamos Prepara o teu camiño, créase coa finalidade de promocionar o Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo. A promoción vai consistir na creación de produtos audiovisuais e multimedia como o deseño dunha aplicación para móbiles para distribución e a comercialización do paquete de servizos e de produtos pensados e deseñados especificamente para os peregrinos, denominado Ribadeo prepara o teu camiño, que se verá complementada cunha páxina web e co desenvolvemento tamén de produtos audiovisuais".

O edil ribadense explicou que "as actividades darán comezo a mediados de outubro e terán unha duración de nove meses, polo que o Concello de Ribadeo realizará a contratación de 23 persoas, concretamente 20 para os postos de traballo de alumnado-traballador, 2 para o traballo docente e 1 posto para o persoal de dirección e coordinación do obradoiro. Impartiranse as materias especificas dos certificados de profesionalidade de desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e de xestión de márketing e comunicación. O alumnado que se seleccione recibirá, por unha banda, formación teórica e por outro lado será combinada tamén con formación práctica e profesional para acadar os obxectivos que nos marcamos neste obradoir".

Vizoso Galdo engadiu que "o proxecto vai permitir que 20 persoas, que actualmente están en situación de desemprego e que son maiores de 18 anos, adquiran formación e destrezas profesionais para incrementar no futuro as súas posibilidades de acceso, en mellores condicións, ao mercado laboral. Ao tratarse as dúas especialidades impartidas de certificados de profesionalidade de nivel 3, os alumnos e alumnas deberán contar cun nivel formativo mínimo de acceso equivalente a bacharelato, ciclo medio, ciclo superior ou similar, ou ben ter superadas as probas de competencias clave do nivel 3. Polo tanto, aquelas persoas que estean interesadas en formar parte deste novo obradoiro deberán dirixirse á Oficina de Emprego de Ribadeo para poder solicitar a súa participación na selección deste programa".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo