Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Mostra Teatro

PARTICIPAN 2 COMPAÑÍAS DA MARIÑA E 1 DE CORCUBIÓN

Mostra de Teatro Afeccionado

01/10/2021

A Concellaría de Cultura ven de presentar a XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará desde hoxe e ata o domingo, 3 de outubro, no Auditorio Municipal. As representacións darán comezo ás 20:30 horas e o prezo da entrada será de 3 euros.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo: "presentamos hoxe a XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón e agradecemos a Mati, compañeira de vida do autor do que colle o nome, que nos acompañe. Aínda que polo ano adiante o teatro amador forma parte da programación, queremos seguir mantendo esta cita do outono como xeito de garantir a presenza dunhas propostas que son importantes desde o punto de vista artístico mais tamén social, todos sabemos de todo o dinamismo que crean arredor de si os grupos de teatro afeccionado".

A edil ribadense explicou que “desta vez temos dúas compañías da Mariña e unha de Corcubión e o escenario ao que se subirán vai ser o Auditorio Municipal, queremos subliñar isto porque case a totalidade das outras edicións foron no antigo cine mais esta vez van ser no Auditorio Municipal. As funcións serán esta fin de semana, ás oito e media e o prezo da entrada é de 3 euros".

Pilar Otero contou que "comezamos hoxe, venres, co grupo de Vilaronte (Foz), Axóuxeres, é unha función de hora e media de duración. Representan a obra Cousas de Mulleres que conta a historia de tres persoas cos seus problemas loitando contra o mundo e ata consigo mesmas, ás que o destino une por unha casualidade e que sen pretendelo acaban converténdose en grandes amigas. Esta obra busca elevar os ánimos con humor xa que a unión fai a forza e non hai problema que non teña solución".

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que "o sábado O Torques de Burela recrea as peripecias dun vagabundo O Randiña, no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, ao abuso e á marxinación tendo como única arma o seu enxeño e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para saír ben librado. Esta obra convídanos a facer unha análise da nosa vida e do noso papel na sociedade desde unha perspectiva diferente, e dura uns sesenta minutos".

Otero Cabarcos engadiu: "rematará a mostra o domingo co grupo Farándula Velutina de Corcubión que representa A derradeira bala. Esta obra está dirixida polo seu autor, Fernando Castro Paredes, natural de Tapia, levou o premio do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2018 e foi publicada pola editorial Galaxia. A obra conta como Luciano é descuberto intentando desertar da guerra e, despois de ser xulgado polos seus superiores, é condenado a morte. A mañá seguinte será fusilado coa última bala que garda o pelotón mais o amor pola música de Luciano e as súas ansias de liberdade farán que a cousa se complique un chisco polo camiño. Botando man da traxicomedia, o autor tece esta obra cuns diálogos áxiles marcados pola retranca e ironía. Esta obra pon de relevo o absurdo da guerra a través do propio absurdo e axúdanos a ver como as veces nos agarramos a ideas sen sentido. Unha obra conmovedora que nos enfronta a emprender un novo camiño e que de seguro non nos deixará impasibles".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo