Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto ximnasio

PARA OFRECER MÁIS CALIDADE DE MÁIS SERVIZOS

Novas máquinas no ximnasio

27/09/2021

A empresa concesionaria do ximnasio municipal e da piscina, BeOne, renovou as máquinas de tonificación e peso libre. O investimento ascendeu a 102.000 euros. O de Ribadeo é o primeiro centro de Galicia no que esta firma instala estes novos aparatos de alta gama. Ata o ximnasio se desprazaron o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz. Xunto a eles estivo o director do centro, Javier Canel.

O alcalde ribadense manifestou que "tal e como está establecido no prego de cláusulas que rexen a concesión administrativa do complexo deportivo da piscina municipal, o concesionario das mesmas, é dicir, a empresa BeOne renovou estes días todas as máquinas de tonificación e peso libre do ximnasio municipal. Van substituír ás máquinas que levaban anos dando servizo por outras novas, modernas e de alta gama, dado que se trata de 13 máquinas da marca Precor, modelo Resolute, isto é as máis altas de gama desta primeira marca, e de feito este é o primeiro centro de Galicia no que este concesionario as instala. Ademais de todas estas máquinas, tamén se substituíron 8 bancos e todas as pesas, desde 2´5 ata 40 quilos, por outras desta mesma marca e mesma gama".

Suárez Barcia sinalou que "a cantidade económica que supuxo esta renovación da maquinaria foi duns 102.000 euros e todo isto ven moi ben para ofrecer máis posibilidades, máis calidade e máis servizos á cidadanía deste concello e da comarca da man do persoal técnico cualificado que traballa para dar o mellor asesoramento neste ximnasio de douscentos metros cadrados". 

O rexedor dixo que "coincide agora tamén precisamente nun momento no que todo indica que estamos saíndo desta pandemia que nos asolou durante moitos meses e agora as capacidades autorizadas do 75% nos ximnasios xa permiten que moita xente vaia retornando a estas actividades de interior. E tamén para que moita xente que non practicaba deporte antes, pois aproveite agora para facelo. Eu estou convencido, porque o vexo ademais, que moitas persoas cambiaron o chip en canto a coidar o seu estado de saúde e que, en definitiva, todo canto as administracións fagamos neste senso seguramente será ben recibido".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo