Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto clausura Vencellos

10 ALUMNXS OBTEÑEN CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE

Vencellos da Memoria

20/09/2021

O salón de plenos do Concello acolleu o acto de clausura e entrega de diplomas ao alumnado do obradoiro de emprego Vencellos da Memoria, promovido polos Concellos de Ribadeo e de Barreiros e financiado polo Fondo Social Europeo e pola Consellería de Emprego da Xunta. Ao acto asistiron os alcaldes de Ribadeo e de Barreiros, Fernando Suárez e Ana Ermida, o concelleiro de Desenvolvemento Local de Ribadeo, Pablo Vizoso, así como o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Pilar Fernández.

O edil de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que "foi un obradoiro de emprego para persoas mozas, que foi promovido polos Concellos de Ribadeo e de Barreiros e cofinanciado co 91% polo Fondo Social Europeo, a iniciativa de Emprego Xuvenil, e tamén contou coa financiación da Consellería de Emprego e Igualdade. Foi un obradoiro que naceu como unha aposta e un compromiso fortísimo de ámbolos dous Concellos pola promoción no uso das novas tecnoloxías e a xestión e difusión do patrimonio documental que constaba nos arquivos dos dous Concellos. Durante un ano formou a 16 persoas, tamén de Barreiros e de Ribadeo, nas especialidades de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e en Produción fotográfica". 

O concelleiro ribadense subliñou que "ao mesmo tempo que ían recibindo a formación necesaria, foron realizando tamén unha serie de traballos ao longo de todo este tempo. Probablemente os que máis destacaron foron, no Concello de Barreiros o inicio da adaptación do arquivo municipal ás novas tecnoloxías, a organización e a descrición de 3.000 expedientes e os libros do seu propio fondo, así como a dixitalización dos libros de actas dese municipio. No Concello de Ribadeo seguimos adiante coa organización da documentación existente no arquivo que a esa data aínda estaba sen identificar e sen describir, estou falando dunhas 1.500 caixas ou lotes, e ademais levouse a cabo un importante traballo de dixitalización de todos os padróns de habitantes e da prensa antiga que estaba custodiada na Biblioteca Municipal. Ao mesmo tempo, en cada un dos dous Concellos impulsáronse actividades de difusión e de promoción desta información e do patrimonio documental, e podemos considerar e destacar aquelas mostras ou aquelas diferentes exposicións físicas que tiveron tan boa acollida por parte da veciñanza".

Pablo Vizoso engadiu que "o balance final deste obradoiro temos que dicir que é positivo por un dobre motivo. En primeiro lugar porque 10 dos 16 integrantes como alumnado van recibir un certificado de profesionalidade, que lles vai ser moi útil no futuro de cara a facilitar a incorporación ao mercado laboral, e por outro lado polo traballo que queda patente en ámbolos dous Concellos, xa que se permite e se mellora o acceso á documentación dos dous nosos arquivos. Quero agradecer a todos, empezando polo alumnado e seguindo polos monitores, a dirección e tamén os departamentos de Desenvolvemento Local, o esforzo e a dedicación durante este ano intenso de traballo e desexarlles moita sorte, sobre todo no ámbito laboral".

No acto interviñeron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e os alcaldes de Barreiros e de Ribadeo, Ana Ermida e Fernando Suárez, que agradeceron o traballo realizado ao longo deste ano de obradoiro e desexáronlle sorte ao alumnado para o seu futuro laboral.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo