Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto gatitos

LOCALIZADOS VARIOS GATOS MORTOS NUNHA ZONA DA VILA

Esterilización felina

16/09/2021

Trinta gatas e gatos da rúa foron esterilizados polo Concello de Ribadeo, que contou coa colaboración dun grupo de voluntariado e de dúas clínicas veterinarias da vila. O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, subliñou que no vindeiro orzamento municipal se habilitará unha partida para seguir con esta labor.

O edil declarou: "desde a Área de Medio Ambiente queremos facer balance da primeira campaña de esterilización de gatos que viven nas rúas do noso pobo. Investimos 2.000 euros do presuposto municipal e esterilizáronse 30 gatos e gatas".

Para Díaz Freije "non se chegaría a conseguir isto se non fora por un grupo de voluntarios que se creou: traballaron moi ben porque están moi implicados e coordinados para facer esta labor. Tamén é de agradecer a colaboración das clínicas veterinarias Anima Mundi e Occidente".

O concelleiro de Medio Ambiente contou que "actuouse en moitos puntos do concello, concretamente en sete zonas, e seguiremos traballando nese sentido e abriremos algún punto máis. Incluso temos pensado poñer ao cargo desas zonas a alguén que lles dea de comer aos gatos e gatas nesas localización, e así evitar problemas coa Policía Local e cos veciños".

Jorge Díaz anunciou que "agora vamos solicitar unha subvención que concede a Xunta para estas campañas de esterilización e esperamos que aporte algo. E no vindeiro orzamento municipal seguiremos con este compromiso e queremos, aparte da partida para esterilización, incluír outra para comida, co fin de que os voluntarios non teña que aportala, aínda que nunca tiveron problema en mercar a comida para estes animais que viven na rúa".

Denuncia
O edil ribadense contou que "estes días estamos moi afectados porque están a aparecer nunha zona do concello, nos arredores da rúa Deputación, gatos mortos por posible envelenamento. Estamos totalmente en contra deste tipo de comportamentos e farémoslles fronte coas autoridades competentes para intentar dar cos autores destes actos que repudiamos". O voluntariado que colabora coa campaña de esterilización en Ribadeo xa informou do acontecido no cuartel da Garda Civil. 

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo