Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello

DARÁ COMEZO ÁS OITO DA TARDE

Pleno ordinario o 28

23/07/2021

O Concello de Ribadeo aprobará, no pleno ordinario do vindeiro 28 de xullo, os festivos locais para 2022, que serán o 16 de agosto e o 8 de setembro. Ademais nesta sesión preséntase a aprobación un suplemento de crédito para adquirir un novo vehículo para a Policía Local e para habilitar os recursos necesarios para un novo convenio extraordinario con Acisa. O equipo de goberno tamén leva a este pleno a proposta de retirarlle a Francisco Franco o recoñecemento de alcalde honorario de Ribadeo, dado pola Corporación no ano 1939.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, contou que "neste pleno ordinario de xullo, que imos celebrar a semana que ven, contemplamos varios asuntos. O primeiro deles é a declaración dos festivos locais para o ano 2022 que, como sempre, se establecen para o día de San Roque, o 16 de agosto, e para o día 8 de setembro, que é o día da patroa. Ademais, outro punto que imos levar, é un suplemento de crédito para habilitar fondos para un novo vehículo para a Policía Local, pois o todoterreo do que dispoñían non deu máis de si e xa tivo que ser enviado ao desgüace. Este suplemento de crédito queremos utilizalo tamén para habilitar os recursos necesarios para un novo convenio extraordinario coa asociación de comerciantes de Ribadeo para a promoción de accións relativas a potenciar á imaxe de Ribadeo como un lugar de encontro e de compras, como un lugar atractivo para vivir, para estar, etc…".

O rexedor sinalou que "hai tamén unha proposta para a modificación do plan estratéxico de subvencións, concretamente no aspecto deportivo, pois houbo uns excedentes que non foron entregados a varias asociacións deportivas ben porque non xustificaron a subvención concedida nun caso totalmente e noutros parcialmente, polo que ese diñeiro sobrante queremos complementárllelo a aquelas outras que neste ano si fixeron máis actividades das que inicialmente tiñan comprometidas".

Suárez Barcia engadiu que "tamén queremos levar a pleno unha proposta de retirarlle ao ditador Francisco Franco Bahamonde o recoñecemento de alcalde honorario de Ribadeo dado pola corporación no ano 1939. Logo da recente publicación dun libro, nestas últimas semanas, de sucesos en varios concellos da Mariña, desde o punto de vista histórico, tivemos coñecemento a través desta publicación de que as actas do Concello recollían este acordo e efectivamente así o comprobamos. De aí que, en aplicación da vixente lei 52/2007 de memoria histórica, que di que as administracións públicas tomarán as medidas oportunas para a retirada, entre outras cousas, de mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da guerra civil e da represión da ditadura. Evidentemente, o nomeamento de alcalde honorífico é unha exaltación á figura do ditador que compre ser retirada".

O pleno ordinario dará comezo ás 20:00 horas do vindeiro mércores, 28 de xullo.

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo