Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto casco vello

BARCIA AGARDA QUE A XUNTA APOIE NOVOS PROXECTOS

O Peprich no DOG

23/06/2021

O alcalde, Fernando Suárez, lémbralle ao voceiro municipal do PP que o PEPRICH foi aprobado por unanimidade pola Corporación Municipal, hai poucas semanas. O rexedor dixo que o único que fixo agora a Xunta foi dar conta do anuncio enviado polo Concello para publicalo no Diario Oficial de Galicia. Suárez Barcia subliñou que este plan levou dez anos de traballo do goberno municipal e considera que o voceiro municipal popular se pasou de freada, unha vez máis, atribuíndolle á Xunta a aprobación definitiva do documento.

O alcalde ribadense manifestou: "en dúas palabras, como diría Jesulín de Ubrique, im-presionante. Así é a última nota de prensa do voceiro municipal do PP na que se queda tan a gusto atribuíndolle á Xunta de Galicia a aprobación definitiva do Plan Especial do Casco Antigo de Ribadeo, o que se coñece comunmente como PEPRICH. Este afán alucinado por facerse ver, lévao unha vez máis a pasarse de freada atribuíndolle á administración autonómica unha tarefa que non tivo".

Suárez Barcia dixo que "o PEPRICH foi aprobado pola Corporación Municipal de Ribadeo, hai poucas semanas, co voto unánime de todos os membros dos grupos municipais, e tamén do seu. O único que fixo a Xunta agora foi dar conta do anuncio que lles enviamos hai poucos días para publicalo no Diario Oficial de Galicia, tal e como mandan as normativas de aplicación, e previo pago incluso pola nosa parte das taxas para acceder a tal publicación". 

O rexedor subliñou que "este plan especial levou nada menos que dez anos de traballo do goberno municipal para acadar todos os estritos informes sectoriais de todas as administracións implicadas nesta materia urbanística, especialmente da administración galega, pero tamén da do Estado e da Deputación Provincial. Polo que vir agora dicir que a Xunta foi sensible ás necesidades de Ribadeo é cando menos faltarlle á verdade porque foi máis ben que o Concello aceptou todas as instrucións que a Xunta foi requirindo, algunhas delas por certo ben contraditorias entre varios departamentos do propio goberno galego, e foi precisamente o labor teimudo do goberno municipal, xunto coa experiencia dos técnicos, a que logrou atopar os xustos puntos de encontro para que o documento contase con todos os vistos e prace necesarios para que finalmente o puidésemos aprobar definitivamente".

Fernando Suárez engadiu: "tampouco podemos esquecer o labor dos representantes de todos os grupos da Corporación que ao longo dos últimos tres mandatos municipais estiveron en innumerables xuntanzas técnicas para opinar, argumentar e atender, sempre dilixentemente, as propostas que os técnicos ían facendo. Membros de todos os grupos, tamén do seu. Si é certo que a Xunta de Galicia concedeu, no ano 2011, unha cantidade económica importante para a redacción deste plan. Isto é algo que se valorou no seu momento e se valora a día de hoxe. Como tamén é o feito de que moi poucos concellos ao longo do noso país se teñen comprometido, como fixo o de Ribadeo, para ter un planeamento urbanístico moderno, con seguridade xurídica, adaptado ás leis actuais e preparado para seguir recuperando e poñendo en valor un grande anaco da historia viva e tanxible do noso pobo, que é nin máis nin menos que o casco vello de Ribadeo. Agora, no futuro inmediato, preséntanse oportunidades de rehabilitación interesantes. E veremos, polo tanto, se a Xunta se compromete cando proximamente lle plantexemos novos proxectos. A ver logo se é verdade".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo