Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto sinal Half

DESDE AS 8:45 ÁS 14:30 HORAS

Cortes de tráfico

12/05/2021

O I Half Triatlón Ribadeo, que se celebrará este sábado 15 de maio, reunirá a 470 participantes. A proba ocasionará cortes de tráfico nas estradas LU-P-5207, LU 133 e LU-P-6103 polo que desde o Concello piden desculpas polas molestias que se poidan ocasionar. O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, sinala que haberá desvíos sinalizados.

O edil anunciou que "hai 470 participantes, para as dúas modalidades desta proba. Nunha das especialidades hai 330 e na outra hai 140, que é a máis longa".

Jorge Díaz subliñou que "vai haber varios cortes de estradas, sobre todo na LU-P-5207, que vai desde o colexio público ata o cruce de Vilela, onde hai un cruce coa LU-133, que é a que vai de Reme a Vilamar e chegará tamén o corte á LU-P-6103, que é onde está Vilamartín Grande e que limita con Trabada. Toda esa franxa estaría cortada ao tráfico, salvo excepción ou emerxencia, de nove menos cuarto da mañá e dúas e media da tarde".

O concelleiro de Deportes dixo que "queremos informar a toda a xente que normalmente faga uso desas vías, a esas horas, que van estar cortadas. Teñen outras alternativas tanto os que veñen a Ribadeo desa zona como os que viven neses lugares. Pedimos desculpas porque esta proba é moi importante, pero todo ten as súas trabas de organización".

Díaz Freije engadiu: "volver dar as grazas aos máis de cen voluntarios que fan posible esta proba, homes e mulleres que colaboran para levar a cabo esta importante competición de ámbito nacional, a través da Federación. Volvemos recalcar a boa colaboración cos dous concellos afectados, ademais de Ribadeo, como son Trabada e Barreiros, que colaboran incluso co seu voluntariado no seu ámbito. É de agradecer porque é necesario todo o apoio. Reiteramos que se manteñan todas as precaucións sanitarias".

O edil ribadense espera que "isto sexa un empuxe para o sector turístico, que algo lle poida aportar e que con esta iniciativa empecemos a fortalecer esta rede na que nos servimos todos. Esperamos que vaia ben todo na proba e que para o ano que ven se poida volver facer".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo