Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Letras no Campo

AS LIBRARÍAS FARÁN DESCONTOS DO 10% NAS COMPRAS

Letras no Campo 2021

10/05/2021

Do 14 ao 17 de maio terá lugar Letras no Campo, a sétima edición da feira do libro de Ribadeo, que organiza a Concellaría de Cultura. Ao longo desas xornadas haberá presentacións, música e divertimento. A pregoeira será a compositora e escritora ribadense Carme Rodríguez. O evento foi presentado esta tarde.

A edil Pilar Otero dixo que "despois do parón do ano pasado imposto pola covid e baixo o lema a cultura é segura, o Concello de Ribadeo organiza para esta fin de semana a sétima edición de Letras no Campo, feira ribadense do libro. Das outras veces este evento que implica librarías, editoriais, autores e autoras e lectores e lectoras facíase xa entrado o verán. Preténdese, ao programalo para mediados de maio, contribuír á desestacionalización das ofertas que axuden a dinamizar o concello".

A concelleira de Cultura explicou que "Letras no Campo comezará na tarde do venres, 14 de maio, e desenvolverase ao longo dos días 15, 16 e 17. Un total de 6 casetas abrirán as súas portas o venres ás 17.30 horas, unha xornada marcada pola lectura do pregón. Neste caso é unha pregoeira, moza, compositora premiada, mais tamén con incursións na literatura, a ribadense Carme Rodríguez Rodríguez. Antes e despois da súa intervención acompañará o acto a sección de música tradicional da Escola Municipal de Música e Danza do Concello de Ribadeo".

Otero Cabarcos indicou que “o horario para o resto das xornadas é de 11.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 horas. O lugar elixido é o parque San Francisco e as presentacións dos libros faranse na sala de exposicións. Cada xornada rematará cunha actividade de lecer chamada Divertimento. A idea da feira é darlle visibilidade a autores/as locais, da comarca, e foráneos/as, e tamén que haxa diversidade de xéneros".

A concelleira de Cultura relatou que "a mañá do sábado contará coa presentación da última obra do ribadense Chemi Lombardero, no ámbito do relato curto, A morte de Colasón e outros relatos, seguido do poeta Baldo Ramos con Porque te quero. Pola tarde, volvemos co xénero poético, neste caso da man de Paco Rivas e as súas Rosas envaiñadas e tocamos a narración e a ilustración con Neira Brochs e Antonio Reigosa con Cen historias máxicas pola Mariña encantada. Coma no resto das edicións Letras no Campo remata cada día coa sección chamada Divertimento. O sábado  a protagonista será a Banda Municipal de Música de Ribadeo, que interpretará o Concerto das Letras Galegas no campo de fútbol de herba artificial do CEIP Gregorio Sanz".

Pilar Otero contou que “o domingo presentamos a novela gráfica de Ana Moreiras Madia leva e recibimos a visita de Rosalía de Castro e Manuel Soto e Freire. Á tarde Aurora Marco presenta o ensaio centrado nas mulleres do Seminario de Estudos Galegos e de Irmandades da Fala, Irmandiñas, e rematamos cunha presentación diferente, a que da biografía de Xela Arias  fai  Yolanda Castaño, Xela quixo ser ela. Acabamos a xornada con outro divertimento, neste caso a compañía de teatro Os Quinquilláns representan no auditorio municipal A pluma viva de Rosalía. No propio Día das Letras Galegas a profesora da USC Beatriz Busto Miramontes presentará o ensaio Un pais a la gallega. Galiza no NO-DO franquista. No resto da xornada Xoán Hermida falará do seu ensaio A saída da encrucillada, e, editados polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo presentarase o libro de banda deseñada de Primitivo Marcos Viveiro 1810. Augasmortais e o que ten como centro os anos no colexio Fingoi de Carvalho Calero, obra de  Ramón Reimunde. A xornada remata coa lectura do ditame do xurado para a fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galega 2021 e o divertimento a cargo do dúo Corredores de Sombra, que ofrecerán un concerto recital".

A edil ribadense tivo palabras de agradecemento para as asociacións e entidades colaboradoras: "como se ve á hora de deseñar o programa gústanos sempre facer partícipes a entidades ribadenses e persoas particulares. Agradecemos a colaboración da Banda Municipal de Música, da EMMeDR, do colexio Gregorio Sanz e tamén do obradoiro de nenas e nenos do Bosque Animado, que decoran con debuxos de mulleres escritoras a sala do parque San Francisco. E tamén á Agrupación Cultural Francisco Lanza, que este ano adianta Palabras no Balcón e leva as lonas con poemas de Xela Arias a 15 varandas da vila. Por último como non pode ser doutro xeito tamén agradecemos a Librería Galgo, Gráficas Santiago, Pícaros Mundi, Lar Libros e Bahía a súa participación nesta edición de Letras no Campo. E lembramos que farán un 10% de desconto a aquelas persoas que fagan compras eses días nas casetas do parque de San Francisco".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo