Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Torre dos Moreno

FOI PRESENTADO POLA PROPIEDADE DO EDIFICIO

Torre dos Moreno

07/04/2021

O Concello de Ribadeo recibiu hai uns días, no rexistro de entrada, o proxecto de rehabilitación da Torre dos Moreno que xa foi remitido á Comisión de Patrimonio de Lugo para que o informe. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, considera que comeza a conta atrás para que este icónico inmoble luza en todo o seu esplendor e para garantir a seguridade en toda a contorna.

O rexedor explicou que "a pasada semana entrou por fin, no rexistro de entrada do Concello, o proxecto para rehabilitar a emblemática Torre dos Moreno por parte da súa propiedade. Este agardado proxecto de arranxo deste edificio xa foi enviado á Comisión de Patrimonio de Lugo, que é un organismo dependente da Xunta de Galicia, que deberá informar preceptivamente esta proposta antes de que desde o Concello lle outorguemos a licenza municipal de obras".

Suárez Barcia indicou que "este proxecto contempla, entre outras, actuacións de reparación da estrutura e do saneado de cubertas e de todas as súas fachadas. Os materiais de recuperación das fachadas van ser similares aos do morteiro de cal,que ten actualmente o edificio e tamén os materiais de cuberta serán os mesmos que os do edificio actual".

Fernando Suárez contou que "tamén se vai proceder á colocación de novas carpinterías exteriores, dado o mal estado das actuais, e en todo caso a intervención non vai modificar a volumetría do edificio orixinal”.
O alcalde engadiu que “empeza, polo tanto, a conta atrás para que este edificio icónico de Ribadeo poida lucir todo o seu esplendor que tivo a principios do século XX, e por riba de todo que coa súa rehabilitación poida asegurarse a seguridade pública necesaria tanto na contorna da rúa Villandrando como na Praza do Cantón".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo