Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Catedrais Arcos

AS VISITAS GUIADAS COLGARON O CARTEL DE COMPLETAS

Balance da Semana Santa

05/04/2021

O alcalde, Fernando Suárez, fixo balance da Semana Santa e salientou que 1.209 persoas pasaron estes días polas oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais, e que a ocupación hoteleira roldou o 70%. O rexedor dixo que as cifras están moi lonxe das rexistradas nos anos anteriores á pandemia, pero considera que son positivos porque Ribadeo segue a ser un lugar atractivo e sen masificación, que é elixido por moitas persoas para desconectar e descansar.

Suárez Barcia indicou que "nesta Semana Santa tan singular con tan pouco movemento, con todo e a pesar de todo isto, tivemos datos positivos dado que o total de viaxeiros atendidos nas dúas oficinas de turismo que temos aquí en Ribadeo, unha delas na vila e outra na praia das Catedrais estes días de Semana Santa, atendemos a 1.209 persoas, 415 na da vila e practicamente o dobre, 794, no punto de información turística das Catedrais".

O alcalde ribadense contou que "no tocante á procedencia, como non pode ser doutra maneira, todos os viaxeiros eran galegos e galegas, sempre acompañados ben pola familia ou ben pola parella. Destacar que a xente viña de cidades coma Vigo, da Coruña ou de Ourense, buscando escapadas para desconectar e para reconectar coa natureza, e qué mellor que Ribadeo para todas estas cuestións".

Fernando Suárez dixo que "a ocupación hoteleira, polo que puidemos saber durante este período, roldou aproximadamente o 70%, logo de preguntar a unha parte importante do sector e de facer as correspondentes aproximacións estatísticas".

O rexedor engadiu que "tamén temos que dicir que durante esta Semana Santa, e co fin de potenciar a imaxe turística de Ribadeo como destino de cultura e tamén de natureza, organizamos unha serie de visitas guiadas gratuítas. Temos que destacar que todas elas estiveron limitadas por mor da Covid-19, pero que todas colgaron o cartel de completo. Quere isto dicir que, si a partir de agora as vacinas chegan de verdade en número e cantidade e podemos ter estes obxectivos na época estival, seguramente non sexa un verán como foi evidentemente o de hai anos, pero Ribadeo séguese poñendo como un lugar atractivo, non masificado e con moito que ver de cultura e de natureza".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo