Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Jorge Diaz

DESPOIS IRÁ A PLENO E ABRIRASE PLAZO PARA ALEGACIÓNS

Ordenanza de protección ambiental

02/02/2021

Desde hoxe atópase colgado na web do Concello o proxecto da nova ordenanza de protección medio ambiental para que a xente poida velo a aportar as súas suxestións. Van dispor dun prazo de dez días. Coa nova normativa, que substituirá á de 2006, o que se pretende é mellorar a calidade de vida en Ribadeo e alcanzar un alto nivel de protección do medio ambiente.

O concelleiro Jorge Díaz lembrou que "a última ordenanza de medio ambiente é do 2006 e houbo que actualizala practicamente toda, xa que levaba quince anos sen mudar. Entón estamos obrigados, tanto por normativas como pola mesma sociedade que cambiou, e por iso redactamos unha ordenanza nova".

O edil de Medio Ambiente subliñou que "o obxecto desta ordenanza é mellorar a calidade da vida no concello de Ribadeo e alcanzar a mellor calidade ambiental regulando no ámbito de competencias do Concello, tanto as actividades como nos comportamentos ou nas situacións que se dean".

O responsable de Medio Ambiente no Concello de Ribadeo sinalou que "se abre un período de dez días para os veciños ou veciñas e asociacións ou grupos que queiran aportar algo o fagan. Despois irá a pleno e haberá outro período de alegacións, como fixemos anteriormente coa de praias, que precisamente acabou hoxe ese prazo de dez días hábiles".

Jorge Díaz dixo que "é unha ordenanza bastante completa e extensa porque afecta a moitos ámbitos da sociedade do entorno do concello de Ribadeo. Quero dicirlles aos veciños e veciñas que se queren botarlle un ollo poden facelo na paxina web do Concello e se queren aportar algo que o fagan. Esta nova normativa está a disposición de todos e todas os que queiran botarlle unha visualización".

Nas 39 páxinas do proxecto aparecen recollidos aspectos como a limpeza viaria, o mantemento de solares e fincas, a tenza de animais na vía pública, a colocación de carteis e pancartas, as pintadas, a distribución de panfletos ou a limpeza e conservación do mobiliario urbano e zonas verdes.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo