Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Hospital Asilo

O RESTO DO ENFERMOS EVOLUCIONAN CON NORMALIDADE

Volta ao Hospital Asilo

09/01/2021

Volven ao Hospital Asilo, despois de superar o covid-19, catro dos usuarios que foran trasladados ao Cegadi en Santiago de Compostela, segundo deu a coñecer este sábado o alcalde, Fernando Suárez.  Estas persoas superaron a doenza, deron negativo nos controis de PCRs e teñen inmunidade xerada contra o coronavirus.

O rexedor dixo que "tal e como se veu indicando nestes últimos días, queremos sinalar con toda a precaución e prudencia necesarias que o tempo está a xogar a favor de ir recuperando a normalidade. Camiño das 3 semanas desde que se detectaron os primeiros casos de positivos en coronavirus a situación é a seguinte: entre antonte e hoxe 4 persoas que estaban desprazadas no Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) volven para o Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, unha vez que superaran a doenza e deran negativo nos controis de PCRs e que nos tests de anticorpos revelasen que teñen inmunidade xerada contra o covid19".

Suárez Barcia comentou que "o resto de persoas usuarias, tanto as que continúan no Cegadi como as que sempre permaneceron no Hospital Asilo, evolucionan con normalidade e manteñen, en termos xerais, uns niveis aceptables de sintomatoloxía, a pesares de que moitas delas teñen unha idade moi avanzada e presentaban xa patoloxías previas. En canto ao persoal e á relixiosa, tamén se atopan en proceso de recuperación".

O alcalde contou que "ademais, segundo nos manifestan responsables do Cegadi, outras persoas están superando tamén esta doenza aínda que seguirán alí uns días máis dado que a súa recuperación física xeral recoméndao. Así temos que: os  4 traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes. En canto aos usuarios, e ao longo deste gromo producido hai días,19 deles foron trasladados ao Cegadi. 4 deles superaron a doenza e xa foron trasladados a Ribadeo polo que o número actual que aínda segue alí é de 15 persoas. Outros 3 usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os protocolos de atención, coidado e protección indicados polos servizos sanitarios e sociais".

Fernando Suárez seguiu a relatar que "tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela, indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada segundo o seu grao de dependencia ben ao Cegadi ou  ben ao Hospital Asilo de Ribadeo". 

O rexedor insistiu en que "se segue valorando como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da  dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de persoas que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente suman 22 entre usuarios y persoal, aos que agora hai que sumar as 4 persoas que retornan por estar curadas facendo un total de 26". 

E engadiu que "como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que ter pasado xa polo pico de madurez deste gromo que se iniciou hai unhas tres semanas. Seguirémolo a facer a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo