Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Reboiras

DIFUSIÓN DA CREACIÓN AUDIOVISUAL GALEGA

Reboiras en Cine Ribadeo

19/11/2020

A Agrupación Cultural Francisco Lanza xunto ao Concello de Ribadeo organiza a proxección da película Reboiras. Acción e Corazón de Alberte Mera. O pase será este domingo, 22 de novembro, ás 19:30 horas en Cine Ribadeo. O despacho de billetes abrirase media hora antes e ao remate do filme haberá un coloquio entre o director e o público.

A película xira en torno á madrugada do 12 de agosto de 1975, cando a policía do réxime franquista asasina en Ferrol ao dirixente da clandestina Unión do Povo Galego. Participan vintenove testemuñas que coñeceron ao histórico nacionalista, como o seu irmá Moncho, Manuel Reboiras; a súa curmá Lita Martínez, o escritor e exsecretario da Unión do Povo Galego, Francisco Rodríguez; os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín e Dario Xohán Cabana ou a cineasta Margarida Ledo. Tamén aparecen as persoas que se atopaban con Reboiras o 12 de agosto en Ferrol, e que el axudou a fuxir, Elvira Souto e Lois Ríos. Para o seu director: "ver Reboiras. Acción e Corazón supón achegarse non só á historia recente senón a un período concreto, o da transición, de influencia tan determinante na situación sociopolítica e económica actual".

Desde Cultura indican que "a nosa Concellaría está a posibilitar a difusión da creación audiovisual galega, xa sexa ficción ou documental. Así, puideron verse no Teatro: Nove de novembro, de Lázaro Louzao, Vigo 1972, de Roi Cagiao ou Estruturas, de Xosé Bocixa. Porén ai un interese especial en que estas obras se vexan nos espazos adecuados, isto é, as salas de cinema comerciais. Inícianse así os contactos co Cine Ribadeo e posibilítase que se estreen na vila obras emblemáticas como Sicixia e A Esmorga, de Ignacio Vilar, Dhogs, de Andrés Goteira, e ultimamente O que arde, de Oliver Laxe. Ás proxeccións en pantalla grande asiste non só o público xeral senón tamén ao alumnado dos centros de ensino".  

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo