Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto rua Lodeira

BARCIA DIXO QUE ESTÁ MOI DETERIORADA E DEGRADADA

Obras na rúa da Lodeira

16/11/2020

O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que dentro duns días darán comezo as obras de mellora da rúa da Lodeira. O prazo de execución é de dous meses e o investimento ascende a 48.000 euros, que será financiado integramente pola Deputación de Lugo, que é o titular dese vial. O rexedor agradeceu que o presidente da institución provincial cumpra cos compromisos adquiridos con Ribadeo.

O alcalde manifestou: "estamos satisfeitos de ver como a rúa da Lodeira, esta rúa que é urbana a todos os efectos, pero de titularidade da Deputación Provincial de Lugo, por fin vai ser amañada. Estas importantes obras de mellora queren dar resposta á necesidade na que se atopaba este vial que estaba bastante degradado, e que por fin conseguimos o compromiso da Deputación de Lugo para que licitase e para que executase a dotación dun novo pavimento de aglomerado asfáltico, desde o encontro da avenida Rosalía de Castro ata o encontro co vial de servizo da autovía A-8, é dicir, practicamente 400 metros de lonxitude, onde ademais de aglomerado se vai contemplar tamén o pintado e sinalización, así como a mellora dalgún tramo de beirarrúa".

O rexedor explicou que "é unha inversión de practicamente 48.000 euros de orzamento e financiada esta obra integramente pola Deputación de Lugo, xa que é un vial da súa titularidade. Foi adxudicada á empresa Construcciones Isidro Otero, tendo un prazo de execución máximo de dous meses. As obras empezarán ben a final desta semana ou, como moi tarde, a principios da que ven. Queremos comunicarllo a toda a cidadanía, especialmente aos negocios e ás persoas que viven nese entorno, para que teñan en conta que nos próximos tempos vai haber, se cadra, algúns ruídos e algunhas molestias, pero todas elas necesarias, para que este vial moi deteriorado nestes últimos anos, cobre de novo o esplendor, a seguridade e a accesibilidade que se lle supón que ten que ter".

Fernando Suárez quixo "valorar o compromiso e a palabra dada polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para con esta mellora necesaria neste vial, que é de titularidade provincial, que estaba esquecido desde hai moitísimos anos, e que nestes acordos de colaboración foi posto enriba da mesa en tempo e estase cumprindo a palabra".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo