Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto camino

A DO NORTE É A 3ª RUTA DE PEREGRINACIÓN A COMPOSTELA

Ribadeo prepara o teu camiño

13/10/2020

O Concello creará a rede de "Establecementos amigables co peregrino", que estarán incluídos no catálogo "Ribadeo prepara o teu camiño". O obxectivo pasa por implicar e mobilizar ao tecido comercial e de servizos da vila para desenvolver produtos específicos para as persoas que realizan a ruta a Compostela.

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, dixo que "aproveitando o importante papel deste municipio como porta de entrada en Galicia do Camiño de Santiago na súa variante do Norte, o Concello leva tempo traballando en reforzar a imaxe de Ribadeo como punto de referencia dentro do itinerario xacobeo especialmente de cara ao próximo ano".

O edil ribadense subliñou que "o Camiño Norte é a terceira ruta de peregrinación a Santiago máis empregada acadando preto dos 20.000 peregrinos o pasado ano. Ribadeo conta cunha situación privilexiada, xa que a media diaria de peregrinos durante os meses estivais nese mesmo ano roldou os 130. É por tanto, un Camiño en crecemento e dende o Concello queremos prestarlle unha especial atención e coidado a través do programa Ribadeo alén do Camiño".

Vizoso Galdo sinalou que "por outra banda, o Xacobeo 2021 vai constituír unha oportunidade única e extraordinaria que nos permitirá poñer en valor a nosa cultura, paisaxe, a nosa memoria e o talento local para atraer recursos e dinamizar a nosa economía, especialmente nas zonas rurais, e para impulsar accións innovadoras".

O concelleiro de Turismo explicou que "aproveitando esta circunstancia, o Concello de Ribadeo pretende desenvolver dentro do proxecto municipal denominado Ribadeo alén do Camiño a creación dunha experiencia ligada ao Camiño, que procura implicar e mobilizar ao tecido comercial e de servizos da nosa vila, coa finalidade de desenvolver produtos e servizos específicos para o peregrino e o Camiño de Santiago. Os negocios colaboradores recibirán o selo de Establecemento amigable co peregrino, que lles dará acceso a unha serie de vantaxes entre as que destaca a promoción e comercialización do produto/servizo que ofertan mediante a súa inclusión no catálogo denominado Ribadeo prepara o teu camiño. Este catálogo será interactivo e accesible a través da web que se habilitará para o mesmo, e proporcionará información ao usuario referente ao establecemento (localización, características, servizos que se ofrecen, contacto, etc) e unha descrición do servizo/produto especialmente deseñado para o peregrino".

Pablo Vizoso lembrou que "o usuario do Camiño de Santiago, o peregrino en particular, responde a un perfil que emprega principalmente as novas tecnoloxías e internet á hora de procurar información, planificar e organizar a súa viaxe, polo que é imprescindible contar cun bo posicionamento neste campo. Neste punto, desde o Concello colaboraremos co tecido empresarial local no desenvolvemento, mellora e comercialización do catálogo de servizos co fin de consolidar o mesmo e contribuír á súa difusión entre os principais canles de distribución empregados polos peregrinos".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo