Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Mariluz

APROBADA SUBVENCIONAL EXCEPCIONAL PARA DINAMIZAR O NEGOCIO LOCAL

Axudas para a conciliación

25/09/2020

No pleno aprobouse onte a modificación da ordenanza reguladora de axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Deste xeito poderanse solicitar durante todo o ano os bonos que as familias empregarán cando consideren necesario. Agora ábrese o período de presentación de alegacións.

A concelleira de Educación e Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, cualifica de inxustificadas e desproporcionadas as críticas realizadas desde o PP á modificación da ordenanza reguladora de axudas para a conciliación da vida laboral e familiar, que foi aprobada no pleno celebrado onte. A edil ribadense subliñou que esas axudas, que antes se concedían en momentos puntuais, se poderán solicitar durante todo o ano.  Álvarez Lastra dixo que poden optar a elas sexa cal sexa o centro educativo ao que os nenos e nenas asistan. Agora ábrese o período de presentación de alegacións a esa modificación. 

A edil ribadense dixo: "vemos totalmente inxustificadas e desproporcionadas as críticas que se nos fan ao respecto da ordenanza de conciliación familiar, sobre todo con ese carácter discriminatorio ao que aluden. Para que a cidadanía o entenda o que se fixo neste momento é modificar unha ordenanza municipal que supoñía que as familias que tiñan menores a cargo, que entren nunhas rendas establecidas, puidesen utilizar os servizos de axuda co importe dun pago dun número de horas nunha ludoteca municipal ou nun servizo homologado para poder deixar aos seus fillos e fillas en caso de necesidade, ben sexa por formación ou por traballo e non lles coincidira os horarios laborais cos horarios dos rapaces e rapazas".

Mariluz Álvarez Lastra sinalou que "isto se facía en momento puntuais sobre todo na época estival, que é cando os menores están na casa e cando os servizos dos centros educativos están pechados. Entón adaptándonos á nova situación ocasionada polo coronavirus, onde houbo un confinamento durante un tempo moi importante e no que as familias tiveron que seguir traballando ou teletraballando e non tiñan con quen deixar aos seus fillos, e onde agora se está a impoñer ás veces o sistema do teletraballo con moitas circunstancias sobrevidas, que debido a este virus que estamos a ter, quixemos facer extensible esta ordenanza para aplicala durante todo o ano".

A concelleira de Igualdade subliñou que "a modificación sobre o que xa había é que os bonos de conciliación ás axudas que o Concello da por un importe dun 50% do custe da hora neses servizos ou do 70% en caso de familias monoparentais ou vítimas de violencia de xénero se estendan ao longo de todo o ano. É dicir que aquela familia que o precise pode solicitalo ao longo de todo o ano si entra dentro de todos os parámetros e pode facer uso do servizo cando considere necesario. Nós pensamos que é unha medida moi importante de conciliación dadas as circunstancias sociosanitarias que estamos a vivir".

A edil nacionalista seguiu a relatar: "víamos tamén que había unhas eivas e que tiñamos que adaptar os ingresos familiares, xa que se daba a circunstancia de que por uns importes moi pequenos, por exemplo cunha diferenza de 100 ou de 200 euros, había familias que non podían optar a estas axudas. ¿Qué é que se fai? A axuda dáse directamente ás familias. Pensamos que a ordenanza se mellora substancialmente, bebe da que xa existía e pódense acoller a ela todas aquelas familias con menores de 11 anos a cargo que utilicen os servizos homologados para que poidan facturar este servizo".

E engadiu que "os servizos que están homologados, que están dados de alta e que realmente realizan ese traballo son as ludotecas de Ribadeo e o programa de madrugadores do colexio público Gregorio Sanz, porque está xestionado pola Anpa con monitores contratados, cos seus seguros, coas súas nóminas, a modo de empresa, co que dadas as circunstancias laborais que temos neste momento non existe competencia desleal de facelo con outras entidades que non cumpran con estes requisitos".

Álvarez Lastra insistiu en que "non hai discriminación algunha por parte do Concello de Ribadeo porque sexa cal sexa o centro educativo ao que o menor asista poden as familias acollerse a esta axuda de carácter individual que se lles da ás familias sempre que xustifiquen cunha factura o uso ese servizo. Por outra banda, todos os centros de ensino do noso concello teñen unha subvención nominativa de 1.250 euros que poden empregar nos servizos que eles consideren oportunos. E as Anpas van a unha bolsa de concorrencia competitiva, onde segundo as actividades que fagan poden optar tamén a axudas. Repito todos os centros sen diferenza algunha".

Sobre a abstención do PP no pleno de onte ao votarse este asunto e sobre as críticas vertidas a concelleira de Igualdade manifestou que "falan de discriminación porque o colexio Sagrado Corazón presta un servizo que está xestionado por voluntariado do profesorado do centro e cobran por ese servizo. Nós entendemos que no momento no que estamos, e dadas as dificultades laborais, que todo aquel centro que queira subvencionar servizos o debe facer si é con carácter voluntario eximindo ás familias de que fagan ese pago. Entendemos que neste momento temos que tratar de fomentar o emprego e facer as cousas de xeito rigoroso e non podemos deixar de lado ás entidades que están prestando ese servizo de maneira regular, dadas de alta, etc…".

Mariluz Álvarez Lastra amosouse taxante: "discriminación ningunha. Calquera familia do concello de Ribadeo pode optar a estas axudas familiares, incluso hai moitos nenos de familias do colexio Sagrado Corazón que utilizan as ludotecas municipais con este tipo de axudas para que o persoal desas ludotecas leven aos seus fillos ao centro e volvan a recollelos, sen utilizar ese servizo de voluntariado. Nós entendemos que non se pode homologar o servizo de voluntariado porque está feito polo profesorado que ten unha carga lectiva dentro do centro, e que en todo caso o centro pode eximir dese pago ás familias. Tamén é certo que non hai nada excluínte e se ese servizo se xestiona dunha maneira regularizada onde se emita unha factura na que o persoal estea contratado para facer ese servizo como veñen facendo o resto, estamos no tempo das alegacións ás ordenanzas municipais, poderían optar e as familias poderían acollerse a el. Pero repito non se trata de discriminación nin de inxerencia algunha". 

A concelleira ribadense seguiu a explica que "é máis, coidámonos moi moito de que todas as actividades que se fagan por parte do Concello de Ribadeo fanse indistintamente para todos os centros educativos, incluso se fan por niveis educativos, e incluso optamos, para que todos os nenos e nenas teñan esa oportunidade, de non facelas a nivel municipal e levalas aos propios centros para que teñan as mesmas oportunidades todas as persoas que viven no noso concello, e tamén pensando, porque hai algunhas familias e algúns nenos, que de non facelo así os nenos non farían estas actividades. Así que, como digo, facilidades todas, discriminación ningunha e trato por igual tamén".

E engadiu: "tamén quero dicir, respecto ás preguntas que se fixeron sobre qué está facendo o Concello nos centros para axudar coas medidas covid, que a única competencia que temos é con respecto ao centro público que temos no noso concello, que é o colexio público Gregorio Sanz, centro de infantil e de primaria que ten unha titularidade municipal, entón aí é onde temos que prestar os nosos servizos. Como básico, incluso hai sentencias que din o contrario, existe un conserxe que está asignado ao centro desde sempre, fíxose unha remodelación de acordo aos plans de continxencia dos centros da empresa que presta o seu servizo de limpeza para poder cumprir a normativa vixente, e desde logo o acondicionamento e desinfección do centro tanto en canto as medidas do covid que nos piden. O outro centro de titularidade municipal é a Escola Municipal de Música e estamos facendo o proceso de adaptación. O seu profesorado vai facer as probas PCR para poder empezar a semana que ven e o estamos adaptando ás medidas sociosanitarias e hixiénicas que veñen impostas por Sanidade. Polo tanto desde o Concello de Ribadeo cumprimos escrupulosamente coas medidas que nos veñen impostas desde Sanidade, naqueles centros nos que temos competencia, como o colexio Gregorio Sanz, logo están todos os outros centros de Ribadeo nos que o Concello non ten competencia nin obriga algunha. É máis existen moitas dúbidas e sentencias contraditorias con respecto aos colexios públicos, pero a nivel de todo o país, non soamente no concello de Ribadeo. Entón vontade de colaborar toda, a ordenanza municipal que se aprobou onte, coa abstención deles, pretende axudar ás familias e poñer medidas de conciliación onde outras entidades non o están facendo, directamente para poder axudar ás familias e así o seguiremos facendo. Agora se entra nun proceso de alegacións onde todas aquelas persoas que se vexan afectadas poden facer alegacións ás ordenanzas, que se estudarán e se reconsiderarán, pero o centro Sagrado Corazón pode actualizar e pode poñer en marcha ese servizo coas condicións que están estipuladas".

Subvención para a dinamización socioeconómica
Pola súa banda, o concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio, Pablo Vizoso, referiuse á aprobación dunha subvención excepcional para a dinamización socioeconómica da hostalería e do comercio de Ribadeo "nesta etapa marcada pola Covid que estamos a vivir. Esa subvención está vinculada coa segunda edición das Panchas, a nosa moeda local de Ribadeo. E a ela destínanse 37.000 euros, máis da tripla que no 2019. Consideramos moi importante fomentar as compras no pequeno comercio e o consumo na hostalería local agora que entramos nunha época moito máis baixa despois do verán e marcada pola incerteza do que poderá ocorrer nos vindeiros meses coa pandemia do coronavirus. E por iso é preciso inxectarlle liquidez a estes sectores. E tamén por iso é totalmente necesario que os apoiemos tanto desde a propia cidadanía como desde as administracións públicas con iniciativas coma esta".

O edil ribadense sinalou que "con esta campaña, que presentamos hai uns días, e na que colaboran Acisa e Abanca e na que tamén contamos coa contribución da Deputación de Lugo, o que faremos é poñer en movemento 150.000 euros en ventas entre o 9 de outubro e o 1 de decembro. Agardamos que a resposta da veciñanza tanto de Ribadeo como doutras vilas e da súa comarca sexa tan positiva como na primeira edición".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo