Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto contedores

FORON INSTALADOS 40 CONTEDORES NOVOS ESTE VERÁN

Danos en parques

23/09/2020

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije, asegurou que a Policía Local está a investigar os danos causados no parque de Pintor Fierros e noutras zonas como na Devesa ou na praia das Illas, onde apareceron dispensadores de hidroxel e papeleiras rotas. O edil critica eses comportamentos incívicos e cualifica de vándalos aos seus autores.

Díaz Freije contou que "estamos tendo problemas cos dispensadores de hidroxel que cada pouco aparecen rotos, lles pegan patadas ou os rompen e queda todo esparcido polo chan. Paréceme un pouco irrisorio que desde o PP se culpe ao Concello de Ribadeo de que rompan os dispensadores. Iso obedece a certo tipo de comportamento dalgunha xente que actúa desa maneira. Que o PP critique ao Concello por iso, eles saberán”.
O edil nacionalista subliñou que “se está a controlar exhaustivamente o acontecido estes días. Xa a Policía Local anda mirando quen son estes vándalos que están a facer este tipo de actos reiteradamente tanto nos parques como nalgunha área, na Devesa pasou, na praia de Illas fai pouco tamén, etc… Está a sociedade pouco implicada no ben común".

O concelleiro de Medio Ambiente referiuse de novo á limpeza dos contedores: "temos un programa de limpeza e este verán puxéronse corenta contedores novos tanto no casco urbano como algún na zona rural. Entón pode ser que haxa algún caso puntual, pero traballamos para telos sempre nas mellores condicións posibles. Quero comentar o comportamento dalgún restaurante que tira o lixo as doce da mañá, sen bolsa, cando está o contedor recén lavado, entón ese traballo realizado non serviu para nada. Ese comportamento tamén o estamos a sufrir con algún establecemento de restauración de Ribadeo. Ese tamén é outro comportamento contra o que temos que loitar desde o Concello de Ribadeo".

Jorge Díaz falou tamén da desinfección en rúas e beirarrúas: "se está a desinfectar dous días á semana, se está pasando polas beirarrúas un par de días á semana, poñemos os mércores porque hai máis tráfico de persoas polo tema do mercado e outro días dependendo da dispoñibilidade do persoal e atendendo a criterios metereolóxicos porque se está chovendo moito a solución acaba diluída e non fai o efecto que ten que facer".

E engadiu: "estamos traballando. Eu entendo que haxa que saír nos medios, o entendo perfectamente dentro do xogo político, pero hai cousas que seguimos vendo que dá igual o que fagas, que vai estar todo mal". Deste xeito responde ás críticas efectuadas desde o grupo municipal do PP.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo