Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello

ACTUARASE EN 5 QUILÓMETROS DE DIFERENTES VIAIS

Licitación de obras

18/09/2020

O Concello de Ribadeo sacou a licitación o arranxo de varios camiños de Covelas, Ove, A Devesa, Arante, Cedofeita e Couxela. O investimento ascenderá a preto de 164.000 euros e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 8 de outubro.

O alcalde, Fernando Suárez, declarou que "nestes tempos de incerteza nos que nos toca vivir, os Concellos debemos seguir exercendo as nosas responsabilidades, quizais agora con menos recursos polo que tardamos máis en facer as cousas que se espera que fagamos. Isto é bo dicilo para que ninguén se leve a engano, pero tamén é bo explicar o que se fai precisamente nestes momentos complexos".

O rexedor dixo que "un dos aspectos importantes nos que estamos agora mesmo é na licitación para a mellora de diferentes viais municipais, tanto da vila como das parroquias. Precisamente onte sacamos a licitación o arranxo de varios camiños en varias parroquias do concello, tanto do interior como da costa".

Suárez Barcia explicou que "estamos licitando a pavimentación con aglomerado asfáltico en Vilela, na parroquia de Covelas; un acceso principal ao núcleo de Ove; na Rochela e máis en Cinxe, que son na parroquia da Devesa; tamén nas Anzas, na parroquia de Covelas; en Queixoiro, na parroquia de Cedofeita; e máis en Igrexa, na parroquia de Couxela. Ademais deste aglomerado asfáltico, afirmaremos varios camiños con zahorra en varias pistas de Remourelle, que é da parroquia de Arante".

O alcalde sinalou que "todos estes camiños supoñen máis de cinco quilómetros de lonxitude, por un montante de licitación total de 163.800 euros, que se van sufragar a través da Deputación de Lugo e máis de fondos do Concello de Ribadeo procedentes do Plan Único".

Fernando Suárez engadiu: "dicirlles a todos os posibles licitadores e empresas cualificadas para facer estes traballos que o prazo para presentar ofertas será de vinte días, rematando o vindeiro 8 de outubro, e os licitadores poderán acceder a todo isto a través da Plataforma de Contratos do Estado e tamén da páxina web do Concello".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo