Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto desinfeccion Ribadeo

O EDIL REXEITA AS CRÍTICAS DOS POPULARES

Desinfección e lavado de contedores

17/09/2020

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije, asegura que o Concello realiza tarefas de desinfección periódica en rúas e beirarrúas da vila e tamén nas parroquias, tal e como ocorreu esta semana pasada. Estes traballos enmárcanse na loita do covid-19. Ademais o edil ribadense subliña que os contedores do lixo son lavados varias veces ao ano. Neste 2020 houbo un lavado extra durante o estado de alarma, outro agora no verán e xa está previsto outro máis para outubro.

O edil ribadense dixo que "levamos facendo a desinfección xa desde que estivemos confinados. Agora mesmo faise cada certo tempo. De feito esta semana actuouse tanto nas rúas como nas beirarrúas durante dous días seguidos. Nalgunha parroquia estanse desinfectando tanto os contedores como cabinas escolares, etc…".

O concelleiro de Medio Ambiente responde ás críticas do PP: "quería dar esa información visto que a solicitan, que saiban que aquí estamos a traballar seguido contra esta crise sanitaria que nos está a tocar e que nos afecta a todo. Facer política con certas cousas penso que non é o debido. Creo que se está a desvirtuar todo o que é o importante, penso que aquí temos que ir todos a unha e non andar a zoupar por zoupar e sen sentido. Pero que cada un faga o papel que cre que ten que facer, sen máis".

Jorge Díaz Freije engadiu que "se fixo un lavado extra dos contedores para o covid, antes de acabar o estado de alarma, e puntualmente se están a facer distintas desinfeccións e lavados. En canto a iso creo que estamos suficientemente cubertos. Pero imos seguir, non quere dicir que con isto paremos. Xa está programado outro lavado máis intenso para o mes que ven e así seguiremos co programa anual de lavado de contedores".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo