Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

SEGUNDO DATOS FACILITADOS POLA CONSELLERÍA DE SANIDADE

Cero positivos por covid

03/08/2020

Cero positivos por Covid-19 en Ribadeo no día de hoxe, aínda que segue habendo 6 contactos estreitos en seguimento. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que se trata dun logro colectivo e insistiu en que "isto non supón unha vitoria definitiva nin moito menos". De aí que recomende "non baixar a garda no persoal e no colectivo".

O rexedor dixo: "boas novas, pois chegou o día, porque segundo os datos que nos achegan diariamente da Consellaría de Sanidade da Xunta, en Ribadeo fomos quedando a cero no número de positivos por Covid19, aínda que seguimos tendo 6 contactos estreitos en seguimento".

Para Fernando Suárez: "desde logo que é todo un logro colectivo que se foi conseguindo, polo compromiso dos afectados e afectadas de cumprir coas recomendacións que lles foron dadas, ao tempo que o resto da cidadanía tamén se foi comportando acertadamente. Pero aínda estando satisfeitos polo que significa, todo o mundo debe saber que isto non supón unha vitoria definitiva nin moito menos. Pode ser perfectamente a flor dun día se alguén de aquí, ou de fóra, ou de onde queira que sexa que se descoide e poidamos volver ter casos positivos". 

O alcalde engadiu: "por todo isto, e por todo o que se foi informando en todos estes días, pedimos, pregamos, imploramos unha vez máis, non baixar a garda no persoal e no colectivo. Cumprir sempre as normas e as recomendacións, e se cadra, tamén, con educación e con respecto, dicírllelo para que outros o cumpran tamén. Será o único xeito de seguir indo polo bo camiño".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo