Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

BARCIA DIXO QUE "AS COUSAS SEN CARTOS NON PODEN SER"

Os Garitos

30/07/2020

O Concello de Ribadeo requírelle á Xunta de Galicia que, antes do 15 de agosto, se manifeste sobre a colaboración no financiamento do proxecto de arranxo e acondicionamento da estrada dos Garitos, proposta que foi levada ao pleno desta semana. O alcalde, Fernando Suárez, lembra que se trata dunha solicitude que deriva dunha moción presentada polo PP, aprobada por unanimidade en pleno, e que os traballos a executar son moi urxentes polo grave risco para a seguridade dos viandantes que supón o estado actual da vía.

O rexedor dixo que "foi interesante a proposta da alcaldía, que se someteu a debate no pleno ordinario pasado, para pedirlle á Xunta que conteste á maior celeridade se está en disposición de financiar ou ben de cofinanciar as obras de arranxo de acondicionamento da estrada dos Garitos, este vial paralelo á vía de Feve".

Suárez Barcia lembrou que "a principios de ano aprobouse unha moción do Partido Popular precisamente para que o Concello amañase este vial e ao final todos os grupos, o PSOE e o BNG, acordamos solicitar da Xunta de Galicia axuda para facelo, e o caso é que desde febreiro a Xunta non deu palabra. Despois de enviarlle o acordo unánime do pleno, despois de enviarlle requirimentos formais, despois de consultarlles telefonicamente, non confirma nada de nada".

O alcalde de Ribadeo subliñou que "este vial é moi usado sobre todo polo transporte pesado, adoece desde hai moitos anos dunha falta de reparación e de ampliación considerable, e hai que ter tamén en conta que o vial é titularidade do sistema ferroviario estatal, polo que desde o Concello estivemos traballando desde aquel entón sen descanso para alcanzar un acordo con Feve para que nos ceda os terreos deste vial para ter disposición plena deles e poder facer esta obra".

Fernando Suárez engadiu que "resta agora o máis importante que son os cartos para facela, polo que queremos ver se a Xunta se queda só en predicar ou tamén vai dar trigo, aínda que sexa bastante tarde para atender as peticións do PP de Ribadeo de ter arranxado este vial neste ano, para o que deberíamos licitar xa as obras, cousa que non podemos mentres non teñamos garantida a financiación. Polo tanto o que lle queremos pedir, e o que todos acordamos unanimemente no pleno, é pedirlle encarecidamente á Xunta de Galicia que nos resposte antes do 15 de agosto para non incumprir o desexo do PP de Ribadeo, que quería que se fixeran estas obras neste ano. Pero, claro, as cousas sen cartos non poden ser".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo