Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Factura Viaqua

TAMÉN LLE PIDE COHERENCIA AO PP CANDO FALA DE IMPOSTOS

Mocións no pleno de onte

29/07/2020

O concelleiro de Economía e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, subliñou que trasladar o mercado semanal dos mércores ao aparcamento municipal foi a mellor solución de todas as posibles e lembrou tamén que se crearon 365 novas prazas de aparcamento en Ribadeo. O edil dixo que "segue habendo taxas do Concello que continúan sen pasarse ao cobro", debido á situación pola que está a atravesar o empresariado local.

O edil nacionalista contou que "no día de onte celebrouse pleno ordinario no  Concello de Ribadeo. Houbo dúas das mocións presentadas polos grupos da oposición, PP e PSOE, que trataron sobre o cambio de ubicación do mercado semanal dos mércores. Na intervención do grupo de goberno, do BNG, explicamos unha vez máis e detalladamente os motivos polos que tivemos que tomar esta decisión de traslado do mercado para o seu emprazamento actual. Estes motivos son principalmente que tanto a normativa publicada polo Goberno do Estado, concretamente o Ministerio de Sanidade, nun primeiro momento, como a Xunta de Galicia posteriormente, establecen unhas condicións máis restritivas para a celebración deste tipo de mercados debido á influencia da pandemia do Covid-19.  Hai que cumprir condicións de delimitación do espazo a utilizar, separación entre postos (nas primeiras semanas de 2 metros e agora de 1,5 metros) e tamén a distancia de seguridade interpersoal entre clientes e viandantes".

Pablo Vizoso dixo que "precisamente por todo isto non resulta posible situar os case cen postos do mercado de Ribadeo ao longo das diferentes rúas próximas á praza de abastos, xa que non se podería delimitar o espazo de cada posto nin compaxinar o dereito dos viandantes a poder moverse coa distancia de seguridade establecida.   E tamén, por todo isto consideramos no seu momento e seguimos entendendo que trasladar o mercado semanal dos mércores para o espazo do aparcamento municipal é a mellor de todas as posibles. Puidemos ter tomado outras decisións tamén recollidas na lei como podía ser a limitación dos postos ao 25% dos autorizados ou trasladalo a outras zonas máis distanciadas do centro da vila (como fixeron outros concellos) o que limitaría moito máis a súa viabilidade. Por iso entendemos que a decisión tomada é a que mellor garante que o mercado se puidese ter celebrado nos últimos meses e que se poida seguir celebrando coas condicións normativas en vigor".

Para o concelleiro de Desenvolvemento Local "tamén quedou claro que a posible perda de prazas de aparcamento se ve compensada por quedar libre para estacionar toda a contorna da praza de abastos e por outras 365 novas prazas habilitadas polo Concello en diferentes lugares da vila, como xa se publicou hai unhas semanas".

Outras mocións

Vizoso Galdo seguiu a relatar que "outra das mocións presentadas polo grupo popular pedía suprimir o cobro de impostos municipais. Desde o grupo de goberno despois de informar, coma noutros plenos, que a incidencia do coronavirus inflúe moi negativamente nos orzamentos dun Concello coma o de Ribadeo, xa que se ven reducidos os ingresos e incrementados moi notablemente os gastos, pedímoslle aclaracións ao Partido Popular, xa que entendemos que a súa moción estaba incompleta por que se limitaba a solicitar a eliminación de impostos, pero non indicaba os servizos, investimentos ou actuacións que se deberían de deixar de facer por parte do Concello atendendo ao obrigado equilibrio orzamentario".

O edil de Economía engadiu que "ademais, quixemos aclarar que non se poden realizar exencións de impostos que non figuren recollidas nas leis, que un Concello non ten capacidade normativa para modificar ou suprimir tributos de carácter estatal ou autonómico e que as exencións realizadas anteriormente durante o estado de alarma, e algún tempo máis, tiñan unha base legal baseada precisamente nesa circunstancia do estado de alarma, que actualmente xa non se cumpre. Aínda así, segue habendo taxas do Concello que continúan sen pasarse ao cobro. E, finalmente, solicitámoslle ao PP coherencia neste tipo de propostas, xa que non se pode vir ao pleno do Concello de Ribadeo propoñendo eliminar impostos cando ese mesmo partido que goberna na Xunta de Galicia non o aplica podendo facelo. E refírome, por exemplo, ao cobro da taxa do canon da auga e do canon do lixo, impostos establecidos pola Xunta, e que seguen figurando na factura da auga por que a Xunta non os eliminou, mentres que o importe dos servizos que presta o Concello correspondente ao consumo de auga, tanto o mínimo como o exceso, ou o da recollida do lixo figuran con 0 € e descontados totalmente da factura precisamente polas xestións, decretos e compensacións realizadas polo Concello de Ribadeo a aqueles comerciantes e establecementos que se viron afectados pola pandemia e que así o solicitaron.  E como proba, adxunto unha factura de auga emitida recentemente e do período da pandemia na que se pode observar cómo ao titular do establecemento non lle queda máis remedio que pagar os 50,44 euros, que é a suma deses dous impostos que xestiona a Xunta de Galicia".

O concelleiro ribadense sinalou que "en calquera caso, desde o Concello de Ribadeo queremos manifestar que, sobre todo agora, o que toca é traballar de forma colaborativa entre as diferentes administracións e sectores, cada quen dende o seu ámbito, e saír conxuntamente canto antes desta adversidade que nos toca vivir. Por iso tendemos a man unha vez máis a traballar sobre propostas coherentes e polo ben de Ribadeo".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo