Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

HAI UN MENOS QUE NA XORNADA DE ONTE

Descenden os contaxios en Rbadeo

11/07/2020

Descenden os casos activos por contaxio de coronavirus en Ribadeo. Hoxe, sábado, son 3 os positivos e 27 os que están en seguimento, segundo os datos que a Xunta lle facilitou ao Concello. O alcalde, Fernando Suárez, insistiu na necesidade de coordinar esforzos, "e non deixar todo ao pairo porque mañá haxa eleccións".

O rexedor fixo pública unha reflexión nas súas redes sociais nesta xornada previa ás autonómicas de mañá, 12 de xullo. E confesou que "esta campaña foi moi diferente a calquera outra das que levo vivido, especialmente polo impacto social, humano, económico que este bicho está a producir na nosa sociedade e en cada un de nós. Hoxe é tempo de reflexión e como tal así o fago, aínda que escriba o que penso". 

Suárez Barcia dixo: "e penso que estou sorprendido de que hoxe, outro día máis de confinamento para Ribadeo, non recibira ningunha chamada dos responsables da Xunta para avaliar a situación, tal e como veu acontecendo nestes días (nas videoxuntanzas que viñemos mantendo co resto de alcaldes/as). Tan só nos acaban de mandar desde a Consellería de Sanidade un frío e simple correo electrónico cos datos de hoxe. Supoño que será porque estamos en reflexión". 

O alcalde subliñou: "pero o bicho segue dándolle duro nesta comarca nosa e debemos coordinar esforzos, e non deixar todo ao pairo porque mañá haxa eleccións. Sinto noxo e vergoña allea".

A súa reflexión rematou cunha mensaxe de esperanza: "con todo, parece que albisco algo máis de optimismo porque, segundo estes datos, hoxe temos un caso menos, ou sexa, tres. Non temos que baixar a garda, así que por favor, protexámonos todos para saír adiante para a semana que vén. Saúde".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo