Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto firma convenio

O COLECTIVO EMPRESARIAL FAI UNHA VALORACIÓN POSITIVA

Convenio con Acisa

09/07/2020

O Concello subscribiu un convenio plurianual con Acisa Ribadeo por valor de 55.000 euros. Os encargados de asinalo foron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, e o presidente da Asociación de Comerciantes, Francisco Iriarte.

O rexedor  reiterou o interese e apoio do Concello a un dos sectores máis representativos e dinámicos de Ribadeo: "nós como institución cremos que a unión fai a forza e a entendemos vital nestes momentos, de aí que incrementemos nun 31 por cento a contía deste convenio con respecto ao trienio anterior pasando de 42.000 euros a 55.000 euros".  

O concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, expresou a súa satisfacción pola sinatura do convenio que "ven culminar esa folla de ruta para a modernización, innovación e promoción do comercio de Ribadeo. Este acordo plurianual permitirá planificar con previsión as accións a desenvolver nos vindeiros anos de cara a impulsar o comercio local e facelo aínda máis atractivo e competitivo".

As liñas de traballo xerais que se marcan serán a  innovación e fomento do comercio local, promoción e dinamización, fomento das sinerxias entre o comercio  e turismo,  capacitación e profesionalización do sector e o apoio á transformación dixital do pequeno comercio, que terá un papel esencial. Trátase dunha liña de traballo na que o Concello de Ribadeo quere afondar e apostar firmemente nos vindeiros anos. 

Vizoso Galdo engadiu que "desde o goberno municipal continuaremos indo da man coa Asociación de Comerciantes para poñer en marcha proxectos que teñan como obxectivo principal a dinamización da actividade económica e a creación de emprego e que potencien e modernicen o pequeno comercio".

Desde Acisa o seu presidente, Francisco Iriarte, amosouse satisfeito pola sinatura deste convenio: "estamos moi contentos polo incremento na contía do mesmo. Todos os anos se producía, pero nesta ocasión é maior debido á crise derivada do Covid-19. Pedímoslle un esforzo maior ao Concello para poder organizar campañas os vindeiros meses de apoio ao comercio e á hostalería locais, que tan necesitados están da nosa axuda".

E engadiu que "tamén haberá unha maior aposta desde o Concello polos provedores locais. Xa a había, pero agora será máis importante". 

Asinaron o convenio plurianual entre Concello e Acisa o alcalde e o concelleiro de Comercio xunto ao presidente da Asociación de Comerciantes. Tamén asistiron ao acto o xerente e o vicepresidente da organización empresarial.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo