Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

BARCIA PIDE O APRAZAMENTO DAS ELECCIÓNS NA MARIÑA

Balance da xuntanza con Sanidade

07/07/2020

O alcalde, Fernando Suárez, asegurou esta tarde que o presidente da Xunta, Alberto Núñez, “lle fixo un pésimo favor á Mariña lucense” por non ter tomado antes medidas tendentes a evitar que o brote de coronavirus se fora espallando pola comarca. Suárez Barcia alude á alarma social desencadeada e aos baixos niveis nos que se atopa a actividade económica.

O rexedor dixo que "os datos oficiais que o conselleiro de Sanidade nos deu hoxe indican que Ribadeo segue tendo 2 contaxiados, dunha poboación de practicamente 10.000 habitantes. Esta cifra está evidentemente moi distante de onde existen outros focos de contaxio na mesma comarca; e digo isto con toda a prudencia porque sendo hoxe así non quere dicir que mañá ou pasado a cifra se poida incrementar".

Para Suárez Barcia "outra cousa é o modo en que se nos dan os datos por parte da Consellería, que cada día é dun xeito diferente. Se o goberno da Xunta quere inspirar confianza na xente debe ser transparente e dar toda a información de xeito honesto e obxectivo aos Concellos, para que así a cidadanía poida tomar conciencia e se implique no control e na derrota do coronavirus". 

O alcalde ribadense manifestou: "eu tamén desaprobo profundamente o xeito de actuar da Xunta de Galicia na xestión deste brote de coronavirus na nosa comarca porque sabendo como sabían desde hai días que había un repunte en determinado punto da Mariña non tomaron as medidas a tempo, confinando un edificio, unha rúa ou mesmo un concello enteiro; e permitiron que se fose espallando o virus. Provocouse unha alarma social terrible, a actividade económica está a niveis baixísimos e aínda que agora, nos próximos tempos, a Xunta poida liberar a varios concellos deste confinamento, teño que dicir que o señor Feijoo lle fixo un pésimo favor á Mariña. A ver agora como recuperamos a confianza porque o foco mediático de todo o Estado estivo abrindo informativos na Mariña día si e día tamén. A miña pregunta é se volverán estes mesmos medios de comunicación a dicir que reabrimos outra vez; a min desde logo gustaríame, pero xa se sabe que as malas noticias enseguida se espallan polo mundo e as boas é mais complicado".

Fernando Suárez referiuse á xornada electoral do vindeiro 12 de xullo: "e outra cousa que nos provoca pavor é o propio día das eleccións. Parécenos unha irresponsabilidade que se permita ir votar ás mil persoas que están confinadas nestes momentos por prescrición médica e, desde logo, hoxe, máis que nunca, faise necesario esixir que as eleccións, cando menos na comarca da Mariña, sexan aprazadas porque non se dan as garantías de seguridade e de saúde necesarias para exercer un dereito tan fundamental como é o voto libre, segredo e con seguridade".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo