Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello Ribadeo

BARCIA DIXO QUE "FAREMOS TODO O POSIBLE CONTRA O COVID"

Valoración do DOG

06/07/2020

O alcalde, Fernando Suárez, critica que a Xunta traslade aos Concellos as responsabilidades para controlar o brote de Covid-19 na Mariña. Para o rexedor "máis aló das eleccións, estámonos xogando a saúde e a economía de toda unha comarca".

O alcalde ribadense declarou que "estamos empezando, con todo o ánimo e con toda a ilusión, a encarar esta semana complexa desde o Concello e entendo que a totalidade dos 10.000 habitantes que formamos este concello de Ribadeo, enmarcados dentro da comarca da Mariña, imos facelo mellor que poidamos loxicamente para derrotar o virus. Pero quero dicir tamén, ao mesmo tempo, que vaia valor que lle botaron os responsables políticos da Xunta con este decreto que publicaron onte á noite".

Fernando Suárez manifestou que "agora os encargados do cumprimento de todas estas medidas imos ser os Concellos. É dicir, hai uns meses a culpa era toda do Estado porque non actuaba en tempo e o presidente da Xunta poñíase sempre de perfil, e agora resulta que a responsabilidade do control desta situación vai ser dos Concellos. Como habemos facer os Concellos cando a metade dos Concellos da Mariña nin siquera teñen Policía Local?".

O rexedor considera que "quizais agora teñamos que preguntarnos porqué o presidente da Xunta, como responsable político da sanidade galega, non nos advertiu desta situación un pouco descontrolada xa desde hai días, cando xa deberían ver o que pasaba nun punto concreto da Mariña, e así poderían confinar un edifico ou dous, un barrio ou un concello se fai falta, pero non toda unha comarca. Que quede claro que non consiste en estigmatizar a ninguén, senón de actuar para que a cousa non vaia a máis".

Suárez Barcia engadiu que "este venres pasado a Xunta fainos a primeira comunicación oficial mostrando a súa preocupación e pedindo axuda, e onte domingo anuncian o confinamento para máis de 70.000 habitantes dunha comarca. Eu creo que quizais agora lles entraron os nervios porque o domingo hai eleccións pero aquí, máis aló das eleccións, estámonos xogando a saúde e a economía de toda unha comarca".

O alcalde de Ribadeo subliñou que "a pesares de todo isto, no ámbito das nosas competencias e en todo aquilo que poidamos, habemos facer desde logo o que estea nas nosas mans para irlle gañando a batalla ao virus, pero que as cousas non se fixeron ben por parte da Xunta tamén é certo e tamén hai que dicilo".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo