Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Aseos

NUN FUNCIONARÁN AS DUCHAS, OS LAVAPÉS E AS FONTES

Apertura de baños nas praias

30/06/2020

A Concellaría de Medio Ambiente procederá á apertura dos baños de As Catedrais, Os Castros, Esteiro e Os Bloques a partires de mañá, 1 de xullo, xornada na que dá comezo a tempada forte de praias. Os baños de As Catedrais e Os Castros serán de pago e pola súa utilización cada persoa aboará un euro. Eses servizos serán desinfectados despois de cada uso. Os dous areais contan con bandeira azul e o Concello de Ribadeo quere ser un referente en limpeza e desinfección. Os baños de Esteiro e Os Bloques serán gratuítos.

O concelleiro Jorge Díaz Freije anunciou que "empezamos a tempada de verán e de praias, e un dos servizos que temos no Concello de Ribadeo son os baños nos areais. Dicir antes de nada que todo o mundo sexa prudente, que respecte a distancia de seguridade, que chegue coa máscara ao areal e despois manteña o distanciamento social".

O edil de Medio Ambiente subliñou que "imos abrir baños en Esteiro e en Bloques, cunha limpeza máis frecuente da habitual. O baño de As Illas vai estar pechado, e nas Catedrais e nos Castros vanse abrir e serán de pago. Cada persoa que entre pagará un euro, usará o baño e ao saír procederase á súa desinfección. Nos Castros estarán operativos os baños que hai arriba, entre As Illas e Os Castros,  que é normalmente o destinado ás persoas con mobilidade reducida; os que están na baixada dos Castros non estarán operativos". 

Jorge Díaz engadiu que "o decidimos así por varios criterios. Os de pago, que son os de As Catedrais e Os Castros, corresponden ás praias nas que temos bandeira azul, con máis motivo queremos ser exemplares na limpeza e ser rigorosos no que ten que ver coa desinfección, debido á pandemia do Covid. Queremos procurar ser referente no bo uso desas instalacións".

Nas praias de Ribadeo non funcionarán as duchas, nin os lavapés nin as fontes, segundo puntualizou o edil nacionalista. 

O concelleiro de Medio Ambiente insistiu en "reiterar que se manteñan as normas de distanciamento e que a xente sexa prudente. Creo que así é como se poderá desfrutar destas fermosas praias que temos. Todo isto vai estar ben indicado, a partires dos próximos días, coas sinais informativas correspondentes recollendo as normas de uso e as recomendacións de seguridade, tanto para usar os baños como para o acceso ás praias".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo