Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto bandeira

ESTRÉASE NA TVG MAÑÁ A PELÍCULA "ELISA E MARCELA"

Día do Orgullo LGTBI

27/06/2020

O Concello de Ribadeo pendurou no edificio municipal esta semana a bandeira LGTBI no marco da celebración mañá, 28 de xuño, do Día do Orgullo LGTBI. A edil de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que "este ano non se organizou ningunha actividade de sensibilización por mor da situación na que nos atopamos, pero desde  o Concello  queremos  seguir traballando na aceptación da diversidade sexual e a non discriminación".

A concelleira ribadense dixo que "o 28 de xuño conmemórase o Orgullo LGTBI (Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais). Desde o Concello de  Ribadeo queremos amosar o noso compromiso coa igualdade e contra a discriminación de xénero e das características sexuais de cada quen". 

A edil nacionalista manifestou que "segundo unha enquisa realizada polo Ministerio de Igualdade o 48% das persoas enquisadas no Estado evitan dar a man da súa parella do mesmo sexo en público, entre outros datos. Se repasamos as redes sociais ou os xornais é evidente o incremento de agresións LGTBIfóbicas, de acoso por orientación sexual, das extremas dificultades das persoas trans, especialmente das mulleres trans para entrar no mercado laboral. A problemática á que deben facer fronte as e os adolescentes revelar a súa orientación sexual, que supón en moitas ocasións enfrontarse a un drama familiar, a falta de recoñecemento da diversidade familiar e as dificultades nos centros educativos para facer formación en diversidade afectivo sexual...".

Mariluz Álvarez Lastra lembrou que "de feito, o pasado febreiro colaboramos coa ANPA A Faxarda do Colexio Público Gregorio Sanz organizando uns talleres sobre a diversidade afectivo sexual para todo o alumnado cun resultado moi satisfactorio".

A concelleira de Igualdade engadiu que "temos que mencionar que este ano tamén se cumpren 15 anos da aprobación do matrimonio igualitario, un paso adiante, pero aínda queda moito por normalizar da diversidade sexual. A película Elisa e Marcela, dirixida por Isabel Coixet e que conta a historia das dúas galegas que a principios do século XX protagonizaron a que está considerada como primeira voda homosexual en España, terá a súa estrea mundial este mércores no Festival Internacional de Cinema de Berlín. E a Televisión de Galicia fará a estrea este domingo, de do filme de Elisa e Marcela, polo que vos animamos a visionala".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo