Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto maleza

MUNDIÑA RESPONDE TAMÉN ÁS CRÍTICAS FEITAS POLOS POPULARES

Camiño Natural do Cantábrico

30/05/2020

O Concello de Ribadeo ven de solicitarlle á Xunta que acometa os traballos de roza pertinentes no Camiño Natural do Cantábrico. O alcalde, Fernando Suárez, no escrito remitido ao Servizo de Conservación da Natureza alude ás queixas "totalmente xustificadas" por parte da veciñanza que o emprega para pasear ou para facer deporte.

O rexedor sinala que "unha vez se están a recibir queixas totalmente xustificadas por parte dos nosos veciños, trasládaselles un ano máis a necesidade de adecuar o Camiño Natural do Cantábrico ao seu paso por Ribadeo, principalmente acometer os traballos de roza pertinentes para librar o camiño de maleza, ademais doutras tarefas de mantemento que poidan ser necesarias, pois este tipo de actuación é competencia da Xunta de Galicia de acordo co convenio subscrito entre a administración autonómica e o Ministerio de Medio Ambiente para a execución de dito camiño".

Para Suárez Barcia "toda este situación vese agravada este ano pola actual situación que estamos a atravesar por mor do Covid-19, sendo este un lugar moi frecuentado pola nosa veciñanza tanto para pasear como para facer deporte, agora que están permitidas estas actividades, coas pertinentes medias de precaución e restricións, o actual estado da senda imposibilita o seu uso".

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Rural, Jesús Mundiña, referiuse hoxe á información do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo sobre o que cualifican de estado de abandono das vías municipais invadidas de maleza porque non están desbrozadas. O edil nacionalista fai varias puntualizacións: "efectivamente, o Concello conta con dous tractores e os seus apeiros correspondentes para facer labores de desbroces nos bordes dos camiños. Un deles traballa nas parroquias do interior (Couxela, Vilaosende, Cedofeita, Covelas, Arante e o barrio de Noceda da parroquia de A Devesa) e o segundo tractor faino nas parroquias de Vilaselán, Piñeira, Ove, Vilaframil, Rinlo e A Devesa. Os camiños municipais que están dentro das 14 zonas de concentración parcelaria, así como os que comunican entre si as parroquias e núcleos suman algo mais de 267 quilómetros, o que representa que cada tractor debe desbrozar mais de 130 quilómetros. Non se inclúen os 140 quilómetros de camiños forestais que son desbrozados una vez ao ano por una empresa externa, e que para este ano acaba de licitar o Concello".

Jesús Mundiña indica que "como é ben sabido, o crecemento de herba non é homoxéneo ao longo do ano, acadando o máximo nos meses de abril e maio, polo que manter nestes dous meses cos medios dispoñibles a herba dos mais de 260 quilómetros de camiños cunha altura baixa é difícil. Pero isto sucede nun curto período de tempo". E explica que "o último desbroce integral fíxose no inverno polo que a vexetación dos camiños que nestas datas quedan por desbrozar non ten mais de dous meses. Trátase de vexetación herbácea (gramíneas e dicotiledóneas) que aínda non rematou o seu ciclo vexetativo, e mantéñense cunha porcentaxe moi alta de humidade polo que tampouco representan aínda un perigo para os incendios, e a data de hoxe estase rematando o primeiro pase de desbroce despois do inverno en todas as parroquias".

O concelleiro de Medio Rural di: "o Grupo Municipal do Partido Popular tamén debería requirir á Xunta de Galicia que mantivese desbrozado o Camiño Natural do Cantábrico ao seu paso por Ribadeo, que, por certo, sempre soe facelo moi tarde. Desde o Concello seguiremos tratando de optimizar o mellor posible os nosos recursos para manter os camiños do noso rural no mellor estado posible".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo